Case un século educando en Taragoña

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Na escola O Cruceiro Rosalía de Castro celebran estas datas o 90 aniversario dun centro que se fundou dende a emigración

26 jun 2019 . Actualizado a las 21:38 h.

Coñecemos o valor incalculable da primeira ensinanza do mestre que nos marca, daquelas lembranzas dos compañeiros da infancia na clase e sobre todo ás portas delas ou no patio, pero a importancia dilúese na mente e no repaso da presada de anos que cada persoa pasou ante o pupitre. E se tentásemos medir esta relevancia contando dende o primeiro alumno ou incluso dende os cimentos do edificio? Esta semana acontece algo moi similar na escola O Cruceiro Rosalía de Castro de Taragoña -integrada no CRA de Rianxo-, pois celebran os actos polo seu 90 aniversario. Case un século educando.

Se a primeira das actividades -e que coincidiu co peche do curso- consistiu nunha xuntanza familiar con xogos, merenda e concerto a cargo de Ana Silva, Silvia Ferre e Alfredo Susavila; o resto de xornadas estiveron marcadas pola música e polo mesmo espírito de convivencia, pero tamén pola natureza, a cultura e a arqueoloxía. Precisamente, contaron coas bandas sonoras da pianista Aida Saco e da banda de gaitas Buxaina para gozar nunha xornada medioambiental na praia da Torre, á que sumou ó colectivo Ondiñas Mainas.

O legado de Bos Aires

Entre as distintas actividades tamén tivo lugar unha saída arqueolóxica pola contorna da escola a cargo de Juan Carlos Collazo, Electra Menéndez e Álvaro Arizaga. Sen embargo, a cita máis agardada por antigos alumnos e veciños foi a conferencia do historiador Xosé Ramón Brea, quen abriu unha ventá ao pasado.

O docente rianxeiro púxolle nome e faciana aos veciños que fixeron realidade o soño que permitiu que a educación en Taragoña deixase de depender da sorte de aulas que o Concello alugaba en casas e das clases clandestinas que abundaban dende o 1900.

«O 30 de xuño de 1923 fúndase a Sociedad Instructiva Pro Escuelas Hijos de Taragoña en la República Argentina e o seu secretario, Xosé Otero, foi a alma que impulsou a creación da escola», explicou Brea dun grupo de emigrantes que quixeron darlle á familia que deixaban o que nunca tiveran, unha educación digna.

Así foi como a través de veladas e romarías, os indianos recadaron fondos que permitiron comprar as fincas e pagar o deseño dun centro moderno, cuxos planos, e incluso estatutos, se trazaron na Arxentina.

Un centro moderno

«Non era unha escola calquera, dende o comezo apostaron polos grandes avances e dotouse de material como mapamundis, microscopio, biblioteca...», sinalou o experto, lembrando que chegou a facerse un pago de 9.000 pesetas nun só ano, dun proxecto que se estima que custou 40.000.

Foi en 1929 cando a obra se rematou coa colocación do mesmo letreiro que coroa hoxe o centro, pero aínda quedarían importantes loitas, como a da apropiación do centro por parte das autoridades franquistas na década dos 40 e a conseguinte perda da autora de Follas novas no seu nome. Pero esta escola non deixou de funcionar nunca e supuxo contar cunha das instalacións educativas máis avanzadas, nun tempo no que algunhas parroquias carecían incluso de mestres.