«Castelao segue tendo unha mensaxe capaz de emocionar á xente de hoxe»

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco REDACCIÓN / LA VOZ

RIANXO

carmela queijeiro

ENTREVISTA | MANUEL GAGO | Comisario da exposición, refírese a «Alba de Gloria» coma o mellor discurso que existe escrito en galego

26 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai argumentacións que, lonxe de perder peso co paso do tempo, gáñano, converténdose en mensaxes cunha validez case perpetua. Un bo exemplo é, para aqueles que coñecen a fondo o texto, Alba de Gloria, o último discurso pronunciado por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. As verbas que saíron da súa gorxa aquel 25 de xullo de 1948 emocionaron aos que as escoitaron en Bos Aires, pero aínda hoxe seguen a espertar a sensibilidade dos que se mergullan nelas. Foi por iso que, para conmemorar o 70.° aniversario do seu pronunciamento, o Consello da Cultura Galega decidiu montar unha exposición.

Un barbancés, o xornalista e profesor Manuel Gago, foi elixido o comisario dunha mostra que se estreou na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela, e que agora fai escala en Rianxo. O obxectivo é principalmente divulgador: «Alba de Gloria considérase o mellor discurso escrito en lingua galega e aínda así é un gran descoñecido, incluso por intelectuais que dominan a obra de Castelao. É un discurso moi emotivo, unha especie de reflexión sobre a historia de Galicia e sobre o seu futuro. Un texto moi vibrante», explica o mestre ribeirense.

Mediante o emprego das tecnoloxías, a exposición busca achegar a figura de Castelao ás novas xeracións, outro dos aspectos que destaca o seu comisario: «A obra do autor rianxeiro é tan versátil que permite adaptacións diversas. Pensamos en empregar elementos innovadores, como unha reconstrución virtual do propio Castelao, co que os espectadores poden interactuar, para tratar de enganchar tamén á xente nova. En Santiago conseguímolo». Alí foron 18.000 as persoas que visitaron a mostra, pola que pasaron máis de 200 centros de ensino.

Cara a cara

Para Manuel Gago, o éxito desta exposición é que demostra que o discurso do galeguista esperta un gran interese: «Castelao segue tendo unha mensaxe capaz de emocionar á xente de hoxe, capaz de captar a súa atención». A el resúltalle complicado destacar unha parte concreta de Alba de Gloria. Despois dun anaco pensando, apunta cara a que fala das almiñas, luceciñas que nacen do chan e soben cara o ceo: «Representan o pobo, a xente anónima, o que Galicia foi e sempre será. Reivindican o traballo da xente humilde para preservar a identidade». Destaca ademais a vinculación que esa parte do texto ten con Barbanza: «Penso que esa tradición procede da súa infancia e mocidade en Rianxo, porque se conservou nalgúns puntos da comarca».

O comisario da exposición asegura que cando empezou a traballar neste proxecto confiaba en que a resposta do público fose positiva, pero non pensaba que o éxito sería tan grande: «En Santiago arrasou. A min o que máis me gustou foi ver a emoción da xente ao atoparse con Castelao cara a cara e tamén comprobar como segue a conectar co discurso». Espera obter os mesmos resultados en Rianxo: «Queriamos que despois de estar no lugar onde o escritor está enterrado, a mostra desembarcara na vila na que naceu, antes de iniciar unha xira por outros recunchos de Galicia».

Manuel Gago daríase por satisfeito se, unha vez concluída esta experiencia, tivese contribuído a divulgar Alba de Gloria entre aqueles que aínda non coñecen o texto: «Son 14 minutos absolutamente redondos. É un texto tremendamente elaborado, que lle concede á obra de Castelao unha dimensión diferente da que se tiña ata o momento».

En detalle

A exposición. Alba de Gloria. Unha experiencia permanecerá a disposición do público no auditorio de Rianxo ata o 17 de xullo.

Visitas guiadas. Aínda que non hai programados roteiros, a sala conta con persoal especializado para axudar aos visitantes.