A flota rianxeira botouse á ría coas súas mellores galas nunha das xornadas clave das celebracións da Guadalupe
16 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Se os rianxeiros teñen fama de festeiros será por algo, e abofé que as celebracións da Guadalupe teñen moito que ver niso. Son sete días e oito noites de actividades nos que aos veciños non lles chega a terra que tamén teñen que levar a festa ao mar. Ocorreu onte, nunha procesión marítima na que boa parte da flota de Rianxo se botou á ría para honrar á súa virxe Moreniña.
Será que a propia Guadalupe é tamén festeira, e antes de iniciar o percorrido polo paseo da Ribeira cara o peirao, as dúas imaxes coas que contan en Rianxo da súa patroa oficiosa -co permiso de Santa Columba- bailaron A Rianxeira ás portas da capela subidas aos ombreiros dos mariñeiros encargados de levalas ata o porto.
Centos de veciños e visitantes seguiron o desfile das santas ata o Vicente Mosquera, o barco elixido para levar á Moreniña polas augas da ría. Non era a primeira vez, e dicía o armador, Ramón Vicente, que posiblemente non será a última se llo pide a comisión. A bordo de máis de vinte bateeiros, e un bo número de pequenas lanchas e ata motos acuáticas, agardaban xa a saída da procesión ducias de persoas. O toque da serea da lonxa anunciou que a virxe estaba xa embarcada e comezou o colorido desfile polas augas de Arousa con Tanxil como próxima parada.
Cantos e vivas
Tralo paso polo Bodión, onde os veciños de Abanqueiro cumpriron coa tradición de lanzar foguetes na honra da virxe rianxeira, a flota dirixiuse á enseada de Quenxo e Tanxil, presidida por outra imaxe da Guadalupe ante a que se detivo a procesión mentres volvían soar os acordes da Rianxeira.
En todos os barcos comezou a cantarse o himno oficioso de Galicia, soaron as bucinas e os vivas á Moreniña puxeron o broche a un dos momentos con máis simbolismo dos que se viviron na mañá de onte.
A volta a porto foi máis breve, pero igualmente animada en cada unha das embarcacións que completaron o percorrido, especialmente nas que levaban a bordo á banda municipal de Silleda e aos gaiteiros de Buxaina, que se encargaron de poñer música á travesía. Do baile, xa se ocuparon os membros máis festeiros da tripulación.
Ao ser o día grande, na maioría das casas de Rianxo tocaba comida familiar, pero sen tempo para unha sobremesa demasiado longa xa que á media tarde comezou no paseo da Ribeira o xa tradicional baile romaría, unha cita que atraeu a numeroso público con ganas de bailar e de seguir coa festa.