Rianxo réndelle unha nova homenaxe a Castelao fusionando música e literatura

RIANXO

MARCOS CREO

Sumaranse os grupos Ailá e 2naFronteira, así coma os escritores Suso de Toro e Seixas

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que foron varios os concellos barbanceses que decidiron suspender as actividades culturais por mor da pandemia, en Rianxo a oferta continúa e a dos vindeiros días estará dedicada a Castelao. O vindeiro 29 cumpriranse 135 anos do seu nacemento e para conmemoralo, o Concello deseñou un programa que fusiona música e literatura.

O grupo Ailá será o encargado de inaugurar o programa. O sábado (auditorio, 19.00 horas) presentará en concerto o seu novo traballo discográfico, Elo. Un camiño de músicas. As persoas que desexen acudir a esta ou a calquera das outras actividades incluídas neste programa deberán reservar a súa praza no correo auditorio@concelloderianxo.gal.

Barbantia achegará o seu grao de area aos Actos Castelao o día 29 (19.00 horas), celebrando en Rianxo o seu encontro mensual, que nesta ocasión terá como convidado de honra ao autor local Xosé Luís Axeitos, quen presentará o seu último traballo, Aproximacións a Manoel Antonio.

Para o 30 (12.00 horas) está programa a ofrenda floral diante do busto de Castelao situado no paseo da Ribeira, onde haberá unha intervención de alumnos do IES Félix Muriel. Xa pola tarde, ás sete, 2naFronteira ofrecerá un concerto para presentar o seu traballo Arredor de nós.

Antes de emprazar aos rianxeiros para o vindeiro ano, aínda quedarán pendentes dúas presentacións literarias. Suso de Toro achegarase o 5 de febreiro (auditorio, 19.00 horas) á vila de Castelao para falar da súa novela de investigación Un señor elegante. Estará arroupado por Xosé Luís Axeitos e polo rexedor local, Adolfo Muíños.

Ao día seguinte será Miguel Anxo Seixas o que se erixa en protagonista. O seu libro Castelao. Construtor da nación. Tomo II, 1931-1939 será presentado polo profesor e membro da Real Academia Galega Francisco Fernández Rei. Tamén participará o director de Galaxia, Francisco Castro.

Nova exposición

A arte tamén ten un oco no programa de actividades ideado para honrar a Castelao. Este venres inaugurarase a exposición Luís Seoane: homenaxe á torre de Hércules. Trátase dunha colección de estampas relacionadas co afamado monumento coruñés que pertencen aos fondos do Museo do Gravado de Artes. Permanecerá a disposición do público en Rianxo ata o 6 de febreiro.