O colexio Peleteiro recoñece cunha ducia de galardóns o talento literario dos máis novos

La Voz

RIANXO

Sandra Alonso

O catedrático Ramón Villares destacou a «emulsión poética» nas obras gañadoras dos premios Minerva

15 abr 2021 . Actualizado a las 23:39 h.

Hai relevo xeracional asegurado nas letras galegas. Así o evidencian as obras galardoadas na nova edición dos Premios Literarios Minerva. O colexio Peleteiro entregou onte as distincións nun acto que contou como mantedor con Ramón Villares, catedrático de Historia da USC e membro da Real Academia Galega, que fixo fincapé na «emulsión poética» que atopou nos traballos gañadores deste certame orientado a estudantes de segundo ciclo de Secundaria, Bacharelato e FP e que conta con modalidade narrativa e de poesía.

O acto, que se celebrou entre estritas medidas de seguridade, contou coa participación de membros da directiva do colexio e da organización do certame, do concelleiro de Educación de Santiago, Rubén Prol, os galardoados, familiares e unha pequena representación dos centros educativos aos que pertencían os gañadores.

Carmen González (IES Fraga do Eume de Pontedeume) impúxose na modalidade de narración. Seguíronlle Noelia Fernández (IES Félix Muriel de Rianxo) e Mariña Maceiras (IES Sánchez Cantón de Pontevedra). Os accésits nesta categoría foron para Candela Graña (IES María Soliño de Cangas), Alba Guzmán (IES Eduardo Blanco Amor de Ourense) e Katia Tojo (colexio Peleteiro de Santiago). Iria Pérez (IES Plurilingüe de Ames) impúxose na categoría de poesía. A segunda clasificada foi Paula Tubío (IES Félix Muriel de Rianxo) e a terceira, Candela Martínez (IES Lamas de Abade de Santiago). Alfredo José Fernández (IES Sánchez Cantón de Pontevedra), Alba Comojo (IES Félix Muriel de Rianxo) e Irea Pérez (IES Primeiro de Marzo de Baiona) levaron os accésit. O mantedor do acto referiuse ao feito da presenza maioritaria de mulleres como premiadas. «As mulleres creadoras están construíndo un canon literario diferente, tendo nun pedestal a unha muller, Rosalía de Castro, emblema do sistema literario galego contemporáneo. Isto revela que a historia muda», afirmou Ramón Villares. O concelleiro de Educación, pola súa banda, lembrou a importante contribución dos Premios Minerva as letras galegas.