Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo: «Admiro e sempre admirarei á xente que vén preparada a estes postos»«Admiro e sempre admirarei á xente que vén preparada a estes postos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Vaise, pero seguirá traballando ata o último día: «Non renuncio ao PXOM»

05 dic 2022 . Actualizado a las 19:56 h.

Na súa primeira toma de posesión como alcalde de Rianxo, hai xa case 12 anos, Adolfo Muíños deu renda solta á emoción, e cabería agardar que no momento da súa despedida ocorrese algo similar. Porén, o rexedor vén de anunciar que non repetirá como candidato e que deixa a primeira liña política, e o que se percibe ao falar con el do pasado e do que está por vir é tranquilidade e satisfacción polo deber cumprido e ilusión pola nova etapa que se abre.

—Vánselle facer longos os meses que quedan ata as eleccións?

—Non, non, hai moito traballo aínda que facer.

—No 2011 saíu elixido un alcalde que nin era socialista nin tiña maioría absoluta, algo inédito en Rianxo, e falabamos de que aquel bipartito era pouco menos que un experimento, que tal saíu?

—Creo que saíu razoablemente ben. Efectivamente naquel momento non se deu a maioría, pero creo que funcionamos como un único grupo, que coido que é como debería funcionar un goberno de coalición, construíndo un proxecto conxunto e traballando polo mellor para Rianxo. Funcionouse ben, sen conflitos e sen airear as diferenzas internas, que creo que é importante, porque como estamos vendo e como se viu con outros gobernos incluso da nosa comarca os conflitos non deixan ver as actuacións positivas que se fan.

—Logo gobernou en minoría e agora volve haber un bipartito, como valora cada etapa?

—O goberno en minoría foi o máis complicado. Na primeira etapa do goberno de coalición tamén houbo momentos difíciles por razóns externas, viñamos dun momento de crise económica moi importante. E esta última etapa estivo dominada polo covid, que ralentizou a actuación das Administracións.

—Dicía tras ser elixido que agora lle tocaba resolver os problemas, cre que o fixo?

—Un dos grandes problemas que era o económico, si. Pasouse de estar o Concello practicamente intervido e cun endebedamento que obrigou a acudir a medidas drásticas, a ter solvencia e capacidade para solicitar novos créditos para acometer novos proxectos como pode ser o centro de día. É máis, pedimos 500.000 euros para o acondicionamento das escolas rurais e conseguimos amortalizalo en tres anos.

—Hai retos cumpridos, e outros que seguen pendentes, coma o plan urbanístico.

—Incumprimento sería non telo intentado e aínda espero poder avanzar no último chanzo do PXOM estes meses. Se non o consigo, si sería unha das principais eivas, pero co matiz de que practicamente o 90 % do traballo está feito e actualizado, só está pendente o informe xurídico para levalo a pleno, os demais trámites están pasados: o documento inicial está actualizado, están emitidos máis de trinta informes favorables de outras Administracións e as alegacións están preparadas. Ata o último día non vou renunciar a poder presentar o plan. E logo hai cousas das que si estou satisfeito, como a aposta polas escolas do rural coa reforma das nove unitarias, e tamén pola creación de dous novos comedores escolares nos colexios. O cambio de luminarias está avanzado e está solicitada a subvención para substituír o 40 % do alumeado que falta. E tamén estou moi satisfeito porque imos rematar este ano co cen por cen das parcelas do parque empresarial vendidas, e iso é importante principalmente porque supón un cambio de perspectiva que nos leva a pasar do Rianxo das pequenas empresas a falar dun futuro empresarial vinculado á industria. E logo hai outras cuestións que non se ven, pero que son moi importantes, como é o avance no saneamento.

—Son moitos os aspectos que abarca un alcalde, remata nalgún momento a aprendizaxe?

—Non, a día de hoxe sigo. Son consciente das moitas eivas que hai na propia formación e na necesidade de ir cada día actualizándose a aprendendo cousas. Agora, por exemplo, coa xestión de fondos europeos ou actuacións que teñen que ver coa transición verde. Admiro e sempre admirarei á xente que vén preparada a estes postos, ao final a preparación vai sobre a marcha.

«Atopei satisfacción en cousas pequenas e emocionantes»

Aínda que a Adolfo Muíños lle quedan por diante uns meses como alcalde, e que seguirá vinculado ao BNG e traballando pola organización naquilo para o que o requiran, ten ganas de recuperar a súa profesión e a vida afastada da primeira liña política.

—Cales son os maiores pros e contras do seu paso pola alcaldía?

—Atopei satisfacción en cousas pequenas e emocionantes. Unha cousa bonita para min foi poñer unha placa dedicada a Manuel Antonio nas Malveiras. No ano 35 houbera unha colecta popular que quedara sen executar e coa colaboración de varias persoas, entre elas o compañeiro Pichín, que faleceu pouco despois, conseguimos levar iso a cabo. E logo son satisfactorias historias que vas vendo arredor dos colexios, da cultura... As insatisfaccións: non atopar en outras Administracións unha interlocución mellor para determinados servizos que son xustos para Rianxo, como o centro de día. Dubido que ningún outro concello teña feito o esforzo que fixemos nós para mercar un equipamento coma o pazo de Rianxiño para poñelo a disposición da Xunta. Doe non atopar complicidade para ese proxecto, ou para a a casa de Dieste, dóeche que quizais non soubestes explicar a importancia que iso ten para Rianxo.

—Cando anunciou que non volvería a ser candidato fixo un fincapé especial no peso da cultura.

—Nós temos un deber, Rianxo non é un concello calquera, ten un papel por ser a patria de Castelao, Manuel Antonio, Dieste, Brea Segade, Rey Romero... Temos un compromiso de preservar ese legado e proxectalo cara o futuro.

—Preparado para volver ao seu posto de traballo?

—Si, con ganas, gústame a miña profesión. A presenza pública e a falta de anonimato desgastan e vou tentar recuperalo un pouco.