Unha bisneta dos Castelao de Arxentina estreita lazos con Rianxo

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

RIANXO

Paula Uramburu visitou o busto dedicado a Castelao.
Paula Uramburu visitou o busto dedicado a Castelao. CEDIDA

Paula Uramburu visitou os escenarios máis emblemáticos da vida do pai do galeguismo na vila

29 nov 2025 . Actualizado a las 17:33 h.

Nunca antes estivera en Galicia e non podía marchar sen visitar a vila dos seus antepasados. Paula Uramburu, bisneta dos Castelao de Arxentina e unha das poucas descendentes da liñaxe do intelectual, visitou Rianxo este venres e tivo a oportunidade de percorrer os escenarios máis emblemáticos da vida do pai do galeguismo na vila rianxeira.

Uramburu é bisneta de Francisco Castelao Gemme, tío materno de Daniel e tamén padriño. Carpinteiro de profesión, emigrou a Arxentina, onde casou con Valentina Roza e tuvo cinco fillo, entre eles Blanca, avoa de Paula e grazas á quen conserva tres fotografías de Castelao.

Antes de viaxar a Santiago para visitar a exposición que se exhibe no Gaiás arredor do galego máis ilustre, Paula Uramburu estivo en Rianxo acompañada polo presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, e foi recibida polo alcalde Julián Bustelo, e polos representantes da Asociación Etnolóxica Alfonso Manuel Castelao, co seu presidente e o seu secretario, Xosé Bravo e Tito o Dulceiro, á cabeza. Tamén estiveron presentes os vocais da entidade Carmen García e Benito Miguéns, ademais de Teresa Bravo, durante anos coidadora e amiga das irmás do intelectual.

Xuntos fixeron un percorrido pola vila e polos recunchos que no sei día visitou Castelao, como a casa da rúa de Abaixo ou a do Cabo da Vila. Tamén visitaron no paseo da Ribeira o busto eirixido hai 50 anos na súa honra. «Foi unha xornada que lembrou a forza dos lazos familiares e culturais que unen Galicia coa emigración e que manteñen viva a chama de Castelao, símbolo eterno da identidade galega», remarcaron dende a asociación etnolóxica que leva o seu nome.