Rianxo enxalza o labor e o legado dos seus gaiteiros máis ilustres, Os Rosales

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

Xosé Romero e Maruxa Miguéns, mestres de mestres, xa son fillos predilectos

30 nov 2025 . Actualizado a las 19:08 h.

O gran labor que ao longo de sete décadas levaron a cabo a prol da música tradicional e da cultura galegas serviulles a Xosé Romero e a Maruxa Miguéns, Os Rosales, para recibiren a máxima distinción na súa terra, Rianxo, converténdose en fillos predilectos. O nomeamento tivo lugar nun pleno extraordinario celebrado na mañá deste domingo, un emotivo acto no que todos os grupos políticos coincidiron á hora de enxalzar aos gaiteiros máis ilustres do municipio e a dúas das figuras máis relevantes da historia da música folk galega.

O acordo adoptado por unanimidade é froito dunha proposta presentada en xaneiro do 2024 polo BNG, apoiada despois pola Asociación de Gaiteiros de Galicia e os historiadores locais Xesús Santos e Xosé Comoxo. A maiores, despois de que o pleno acordara en abril dese mesmo ano proceder á incoación do expediente oportuno, o Concello reuniu 29 ditames favorables de expertos en cultura musical tradicional de Rianxo e de Galicia.

O rexedor local, Julián Bustelo, referiuse ao comezo da sesión plenaria a algúns destes escritos, destacando que non só foron todos favorables ao nomeamento, senón que resultaron «especialmente eloxiosos, insistindo no compromiso amosado polos Rosales en eidos como a innovación, a transmisión e a dignificación da música, no feito de dar orixe a unha nova estirpe de gaiteiros ou no de levar o nome de Rianxo e de Asados por dentro e por fóra da xeografía galega».

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, destacou da parella de gaiteiros «a capacidade para conservar e transmitir a nosa mellor tradición». O investigador e músico Xosé Luís do Pico referiuse aos seus discos como «un monumento a Rianxo». Susana Seivane cualificounos de «mestres de mestres na música tradicional galega e embaixadores da nosa cultura». Rodrigo Romaní resaltou deles «a precisión na afinación dos instrumentos, o respecto pola tradición e a singular composición».

Os grupos políticos rianxeiros sumáronse a todas estas loas escoitadas no salón de plenos por boca do rexedor local. Desde o PP celebraron un recoñecemento «máis ca merecido», destacando o gran traballo que a parella de músicos fixo para «preservar, enriquecer e expandir a música tradicional galega».

Os socialistas non só fixeron fincapé no exemplo a seguir que foron para as novas xeracións e no legado que deixan, senón que tamén puxeron de relevo a valentía de Maruxa, «rompendo estereotipos e abrindo o camiño a seguir para moitas mulleres». Mesmo espertaron un forte aplauso do público recoñecendo o traballo feito polo nacionalista Xusto Ordóñez, impulsor da homenaxe.

En nome de todos os expertos que apoiaron o nomeamento interveu un deles, o historiador Xesús Santos, que lembrou moitas das palabras que no seu día saíron da boca de Xosé Romero, falecido no 2021: «Non entendía que os gaiteiros da época se limitaran a tocar muiñeiras e xotas, dicía que así a xente non podía aguantar toda a noite bailando, por iso tocaba rumbas, valses, boleros, polcas...». Destacou del a súa incrible vocación musical, crucial para que se convertera nun prodixio sendo un gaiteiro autodidacta.

«Nunca soñei con este día, non hai diñeiro no mundo que o pague»

A traxectoria que carga ás súas costas é a que xustifica o recoñecemento que Maruxa Miguéns recibiu este domingo, por iso, pouco tivo que explicar. Limitouse a se amosar profundamente agradecida: «Nunca soñei con este día cando empecei, alá polo 1962, non hai diñeiro no mundo que o pague». Repetiu, como dixo en varias ocasións, que volvería a ser gaiteira se a vida lle dera unha segunda oportunidade: «Estiven sempre ao lado do meu home e dos meus fillos, non podo pedir nada máis».

Foi unha das súas fillas, Eva, a que falou en nome de todos os familiares presentes no acto, para agradecerlle todas as ensinanzas recibidas e «aquelas noites de ensaio na casa, a semente do que hoxe celebramos». Lembrou a seu pai, «aquel rapaz que fixo unha gaita cunha cana e unha vexiga de porco. Quen diría daquela que hoxe formaría parte da historia da música de Galicia?».

Aínda que tivo que esforzarse para aguantar as bágoas, Maruxa Miguéns foi quen de coller a pandeireta e acompañar aos seus fillos cando sorprenderon ao público que ateigaba o salón de plenos para poñerlle o broche ao acto como mellor saben facer os gaiteiros, convertendo calquera encontro nunha foliada. Na segunda peza mesmo se arrancou a cantar, acompañada iso si por boa parte dos asistentes.

Finalizada a parte institucional comezou a festiva, nunha carpa instalada no parque Galicia onde unha actuación do grupo folclórico Carapaus deu paso a un xantar popular. O broche da xornada celebrouse no interior do auditorio con máis intervencións eloxiando a traxectoria dos Rosales e coas actuacións de Amaiante, Río de Anxo y Silvaredonda. As agrupacións asistentes e parte do público xuntáronse na interpretación de A camposa, unha das muiñeiras de Xosé Romero imprescindible nas foliadas.