O BNG lembrou que o pensamento do político de Rianxo está máis vivo ca nunca
13 ene 2026 . Actualizado a las 15:29 h.Finou hai 76 anos, pero Castelao quixo volver do mundo dos mortos para lembrar algunhas das leccións máis importantes que deixou, e que hoxe son máis necesarias ca nunca. Así o explicou o actor Lucho Penabade, encargado de revivir ao político e escritor de Rianxo, quen sinalou que estamos atravesando «tempos moi difíciles» e compre seguir loitando contra os imperialismos e fascismos.
«Eu son nacionalista, e como tal declaro que Galicia é unha nación que ten dereito á autodeterminación, que ten dereito a ser libre, que ten dereito a federarse, confederarse, separarse ou mesmamente crear unha estado independente. Deixeino escrito», lembrou o dobre de Castelao durante a homenaxe que o BNG celebrou este domingo no auditorio rianxeiro. Alí agradeceu todas as actividades realizadas ao longo do 2025 —o Ano Castelao— e ata que bautizaran co seu nome unha estación intermodal de Santiago. Sen embargo, tamén houbo tempo para as queixas, contra aquelas persoas que abandeiran o seu legado intentando darlle outro significado, «que utilizan o meu nome, o meu sacrificio, o meu exilio, o meu traballo, os meus debuxos, os meus escritos, o meu traballo político durante anos e anos dedicado ao antifascismo e ao antirepublicanismo», sinalou.
Tamén falou disto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que lembrou que Castelao «é sempre un faro, un compás, unha fonte permanente de inspiración. Castelao é unha grandiosa referencia ética, social, artística e política para o noso país e para o mundo. Por iso, é necesario estar alerta contra quen reclama un Castelao despolitizado e fora de ideoloxías. Levan 75 anos intentando negar, silenciar, censurar e descafeinar a Castelao».
Explicou que a ideoloxía do rianxeiro sempre apostou polo amor á terra, por un pobo independente e soberano, e aproveitou para criticar a actuación dos Estados Unidos en Venezuela, «no que Donald Trump, unha especie de Rambo do século XXI, se permite bombardear un país soberano e secuestrar ao seu presidente simplemente para quedarse co botín do petróleo».
As mesmas críticas contra o presidente norteamericano tamén chegaron por parte da deputada Rosana Pérez, que reivindicou a Castelao como o pai do nacionalismo, «e todo o que facía era esencialmente político. Non se pode separar a súa obra artística nin a súa vida da política». Animou a seguir difundido a súa filosofía, e tamén a apostar polo noso idioma, «porque se por algo somos galegos é por obra e graza da nosa lingua».
Caraveis vermellos
Tras os discursos, que debido ao mal tempo tiveron lugar no auditorio municipal e que acabaron con todo o público en pé para entoar o himno de Galicia, os máis de 300 participantes no acto acudiron ata a estatua de Castelao que hai no paseo da Ribeira.
Alí Ana Pontón foi a encargada de depositar unha coroa de flores, para logo todos os presentes ir colocando ao seu carón caraveis vermellos mentres se escoitaba o himno do Antigo Reino de Galicia, una homenaxe coa que se puxo fin a este acto en honor do pai do galeguismo.