Maralla. Pintora singular

antonio piñeiro

RIBEIRA

MARCOS CREO

14 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Parabéns, admirada Maralla! Era visto. Tiña que ser. Permíteme -e permítanme tamén vostedes a ocasión- aproveitar a fiestra de La Voz de Galicia, para enxalzar a nova. Barbantia premia a pintora cuxa singularidade non é só a da obra, senón, quizais, a do exemplo que mellor representa a concreción dunha creación artística de raigame xenuinamente barbanzá, cunha traxectoria de traballo, de exercicio e de achados. Barbantia premia unha linguaxe e toda unha personalidade estética.

Da traxectoria, aspecto ao que fai certamente referencia o recoñecemento, non cabe dúbida. Volvo recordar aquel intre no que persoalmente coñecín a súa obra, aínda coa pintura fresca, nas paredes escintilantes dos anos oitenta. Era xa mar, mudado de esmaltes e aceites abraiados, coma un cotaño da longa cultura ao que lle comezase saír un agromo de luz nova. Era fantástico ollar para aqueles cadros que desvelaban a natureza volátil do océano pola personalidade esencialmente inqueda da artista. Foi toda unha experiencia. Así o demostra o feito de que permanecese na memoria e esteamos a recoñecelo agora.

Concreción do estilo

O instinto da busca da propia linguaxe, o que se chama en arte a concreción do estilo, non se produce en Maralla nunha etapa determinada, senón ao longo de toda esa traxectoria. De feito, ela mesma me ten revelado estar aínda á procura de vieiros. Iso é tamén porque o mar é así. Acádase o tema, prodúcese o vínculo entre o organismo estético-intelectual e o organismo paisaxístico e tamén vivo que é ese tema: o mar. Pero é un tema que muda como ispe e fai mudar os temperamentos. Un tema cuxa pescuda non remata. Aí tamén a súa fermosura.

Maralla é a pintora que descompón o mar nas súas sensacións e volve compoñelas nun sentimento. Maralla leva o mar naturalizado na súa paleta. Maralla entende as cores indóciles da auga en movemento, a lingua das paisaxes mergulladas, a sutil bolboreta que é esa ala xigante do océano. Maralla escoita cada mañá a membrana do mar retumbar nas súas xanelas. Aprendeu esa fala de son e luz que non pode ser falada, posiblemente escrita, mais si certamente pintada. Maralla ten o seu Giverny diante do estanque con nenúfares crepusculares que é o xardín líquido de Balieiros.

Mar de Corrubedo

Coido, querida Maralla, que o mar de Corrubedo non rompe só nas praias onda as que fica, senón alén: aló onde chegue un cadro teu; porque ese será o destino: a translación de todo canto significa o espazo oceánico aberto a todos os interiores aos que irá dar, comezando polo interior do pensamento.

Este teu, Maralla, é un dos recoñecementos que máis me alegran. Fico orgulloso de terme entre os que te admiran e, dende logo, agradecido pola marabillosa empatía que produce decote a túa obra. E polos bos momentos que nos ten dado.

A pintora, traballando no seu estudio de Corrubedo FOTo marcos creo