Alí estará Plácido

Emilio Sanmamed
Emilio Sanmamed LIJA Y TERCIOPELO

RIBEIRA

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

vindeiro luns, a corporación municipal de Ribeira abordará no pleno a votación do nomeamento dunha rúa en Palmeira en honor ao noso Plácido. Encantaríame ver un resultado unánime, firme, sen fisuras. A lembranza da figura de Plácido Betanzos é fundamental nestes tempos e nos tempos por vir: o seu nome recórdanos que se pode facer política e vida desde a empatía, sen subir aos glaciais cumes da superioridade moral. Con humildade e proximidade, deixando un espazo no interlocutor para reflexionar, sen imposicións, que fermenten as ideas se teñen que fermentar… ou non, porque tampouco é necesario coincidir en todas as opinións sobre cada un dos temas da sociedade para respectar a outra persoa, ou para ser o seu amigo.

Esa rúa non terá un nome baleiro de significado, como teñen outras. Da rúa Plácido Betanzos poderá emanar un orballo de comprensión que se abriría paso pola densa atmosfera do Barbanza coma un barco rompe-xeos; así, cada vez que alguén sexa comprensivo alí estará Plácido. Cada vez que alguén repouse nos sendeiros da noite a escoitar as árbores e escriba un poema, alí estará Plácido. Cada vez que un pai lle conte ao seu fillo que tivo un mestre que lle amosou como ser un bo home, alí estará Plácido. Cada vez que alguén lle cante á vida, sexa amable, escoite de corazón, non xulgue á lixeira; cada vez que a semente brote, o sorriso perdure, as feridas curen, o reflexo da lúa baile no porto de Palmeira, un abrazo inesperado traia unha bágoa de ledicia, o pequeno caracol conteña dentro un mar, un libro se abra e axudar sexa a norma, alí estará Plácido.