Xosé Vázquez Cobas: «Ruiz gobernou sen contar cos veciños»

j. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

O nacionalista afirma que o seu partido non ten interese en facer grandes obras

21 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Antonio Vázquez Cobas (Chantada, 1957) volve ser o candidato do BNG á alcaldía de Ribeira coa intención de liderar un goberno progresista.

-Como foi o traballo do BNG na corporación?

-A verdade é que foi moi intenso. Nós o que fixemos foi recoller as demandas dos veciños e levalas ao pleno. Tamén mantivemos unha actitude de diálogo en temas fundamentais para a cidadanía, como o polígono industrial ou as inversións do proxecto da Ribeira Atlántica.

-Faga un resumo do goberno do Partido Popular.

-Foi un goberno que quixo facer cousas, pero non contou para nada cos cidadáns. Ruiz gobernou sen contar cos veciños e con certa soberbia, e só falou con eles cando protestaron.

-Está sendo crispada esta campaña electoral?

-Máis que na de hai catro anos. Ao ser oito partidos, hai menos sitio na corporación e todos queren facerse un oco. Tamén vexo que o talante dalgúns candidatos non é pensar nos veciños, senón neles mesmos e no de «qué hay de lo mío».

-Parece que non vai haber maiorías. Como ve as posibilidades de chegar a algún pacto?

-O BNG sempre tivo unha liña clara: se de nós depende, non vai gobernar a dereita. Nin a dereita do PP nin a extrema dereita do PBBI, porque estes marcharon do Partido Popular porque para eles esta organización é de esquerdas. Aínda así, nós estamos dispostos a falar con todos.

-Cal é o seu programa?

-O prioritario para nós é atender as necesidades da xente e todo o que lle afecta á súa vida e á súa relación coa cidade. Nós non temos interese en facer grandes obras, senón as más necesarias.