Encarna Pego: «Non entendo que alguén poida non ser feminista: homes e mulleres!»

EME CARTEA

RIBEIRA

ABRALDES

Confesa que o seu romance coa escola comezou cando tiña 3 anosEncarna Pego Mestra e licenciada en Historia

31 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Encarna Pego, o extraordinario como normal, en torno á cal crece e prolifera a existencia cotiá, esencial, que nos fai merecedores de sermos especie. Un ser agraciado co don da vida en expansión, inesgotable no deber e na acción requirida. Frenesí pautado, tesón e enérxica suavidade, sempre en crecente liberdade.

?Para empezar, fálanos da túa experiencia escolar.

-Tiven una infancia feliz, uns pais marabillosos. Lembro na casa a luz de gas. O meu romance coa escola comeza aos 3 anos. A mestra pasaba pola porta e conversaba comigo. Un día levoume á escola, sen matricular. Ao pouco sabía a táboa de multiplicar só de escoitala. Logo, con 5 anos e xa sabendo ler, veu a escola da Mámoa, infantil e primaria, que me marcou. Sesenta nenos e nenas de todas as idades, pizarra, pizarrillo, sumas e restas. Con 7 anos, era quen de resolver problemas dos maiores: «Diles tú la respuesta, Encarna», dicíame a mestra, cómplice. Non había medidas á diversidade! Con ela, Francisca Sampedro Cores, independente, con coche, lendo o xornal -hai máis de cincuenta anos- tiven claro que quería ser mestra.

?Sabemos que a natación foi outra das túas paixóns.

-Coñecín a natación como deporte e como espectáculo cando Mark Spitz gañou as sete medallas de ouro nas olimpíadas de Múnich 72. Coa inauguración da piscina de Ribeira, todo un acontecemento!, os colexios levabamos alí o alumnado, e eu, da unitaria de Bretal. Fundamos o Club Natación e, como nai e fotógrafa, percorrín España documentando cada actuación (entre os demais, tamén da miña filla e do meu fillo) e cada medalla acadada: como cando o noso equipo infantil feminino (12 anos) logrou o campionato galego, ou cando, como presidenta, me tocou colgarlle a medalla de ouro ao meu propio fillo, cunha emoción indescritible!

?Acaroada ao mar, muller de capitán de pesca, namorada do Atlántico. Cóntanos, Encarna.

-Adoro o noso mar, o Atlántico enteiro. Lembro a época de estudante en Santiago, cando o autobús chegaba á Pobra e me chegaba o seu arrecendo… xa estaba na casa! Convivir cun home de mar é complicado. O amor supera todas as barreiras, pero a realidade é como é. A ausencia, a soidade, as cartas que non dan chegado. Fortes temporais. Cando «en Aguiño vai todo polo aire», en ti, a procesión vai por dentro. Vida moi dura a do mariñeiro! Téñolle moito respecto ao mar, dánolo todo pero, de repente, pode levarnos o noso ben máis prezado.

-Hobbys, seguro que moitos e variados, non si?

-A cousa que máis me segue a gustar, no tempo libre, é aprender, ser alumna mentres viva. Interésame todo, especialmente o relacionado coa cultura e as artes. Viaxar, o teatro, a ópera, o ballet, exposicións de pintura e escultura, a música en xeral. Encántame ir ao cine, inda que menos velo na casa. Ler gustoume sempre pese á escaseza de libros daquela e ás reprimendas de miña nai por perder o tempo a ler en vez de lavar a louza, pasar o ferro, bordar... E, nos últimos vinte anos, descubrín o pracer de escribir, e nesa aprendizaxe seguimos. Logo está sempre o cultivo das boas amizades, algo impagable e insubstituíble.

?E sobre o amor, algo que dicir?

-Difícil definir o amor. Hai moitas clases: o dos pais, da parella, dos irmáns, dos fillos, os netos. Mesmo o das artes, os libros, as viaxes, ou o amor pola vida. Todos axudan a ser máis feliz. Por fortuna experimenteinos todos. O Amor, con maiúsculas, o da parella, ese lóstrego que te sacode e inunda, que te fai durmir agarrada á almofada cando el non está, que te leva a facer loucuras; e cando estás con el, flotas, ris, cantas, vives nun estado superior, ideal. Es outra persoa, carnal e espiritualmente. Pero chega o desamor e derrúbase o mundo. Con todo, a soidade buscada non deixa de ser unha opción válida e defendible, se é libremente querida. A felicidade é múltiple como o son as persoas.

-Tres preguntas nunha: política, relixión, feminismo?

-Móvome entre o liberalismo e o socialismo. Iniciativa privada, si, pero con intervención estatal á hora dunha redistribución xusta da riqueza. Estou contra os novos fascismos, a explotación colonial, as guerras por interese e todos os ditadores e aspirantes a selo, o que trae consigo, por exemplo, a fame e a traxedia actual do Mediterráneo, nós, que fomos e somos emigrantes. Dóenme eses meniños que veñen á escola sen almorzo e os velliños sos, sen recursos. Iso si é política!

Non renego do cristianismo en tanto que humanismo. Xesús é un modelo a seguir contra a marxinación e a inxustiza social. O primeiro socialista e feminista, fronte á doutrina das xerarquías eclesiásticas posteriores, que acomodaron o dogma á imaxe do imperio romano. Pecado orixinal? Confesión? Subterfuxios de temor e control! Non entendo que alguén poida non ser feminista: homes e mulleres!