Manuel Gude: «Comparado coa vida no barco, este encerro é mel»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Estivo no mar case cinco décadas, lonxe da familia, sen comodidades e soportando fortes temporais

04 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Está confinado coa súa muller no piso que comparten en Ribeira, pero a Manuel Gude Fernández non lle preocupa especialmente o encerro. E non é por ter unhas vistas excepcionais da ría de Arousa desde a súa vivenda, senón porque o de pasar horas e horas nun espazo reducido é unha cuestión que el xa ten moi superada. Ao longo de máis de 45 anos, os barcos foron a súa residencia habitual e alí, como ben di, hai moitas menos comodidades que nunha casa. Agora, xubilado, pero aínda á fronte da empresa pesqueira que fundou, non dubida á hora de afirmar que se a vida lle brindara unha segunda oportunidade, volvería a elixir o mar, aínda consciente de que os comezos foron duros.

«O mar é difícil, pero a todo se acaba afacendo un. Os comezos son a etapa máis complicada». El sabe do que fala, pois empezou desde abaixo e tivo que ir subindo chanzo a chanzo. Gude tiña 15 anos cando emprendeu este camiño sen retorno nun barco que se dedicaba á captura de sardiña. «Empecei a ir ao mar os fins de semanas porque quería ter cartos para saír coma os meus amigos», admite. E non tardou en deixar os estudos e apostalo todo ao poder do xigante azul. Non se arrepinte, asegura que este traballo lle permitiu encamiñar a súa vida: «Aos 18 anos quitei o título de segundo mecánico naval e aos 19, o de primeiro. Con 21 casei e a partir de aí andei polo mundo adiante».

De mariñeiro a armador

Recoñece que no barco, como en calquera outra empresa, cada posto ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes: «A vida do mariñeiro é dura e a ponte tamén, pero cando es patrón e tes persoas ao teu cargo tamén o pasas mal, sobre todo cando non hai capturas, porque te sentes impotente. Quizais o mariñeiro acaba máis tocado fisicamente, pero o patrón, psicoloxicamente». El estivo nos dous lados e admite que a dureza do primeiro lle fixo dar o paso: «A vida na máquina era escrava e aproveitei unha marea na casa para obter o título de patrón de litoral e de altura». Tiña 30 anos e confesa que foi daquela cando encamiñou a súa vida de xeito definitivo. Tanto, que con 35 xa era o patrón do seu propio barco, o Tanxil, un palangreiro que faneaba na costa de Marrocos e que despois cambiaría por outro de máis tonelaxe, o Nuevo Ederramendi: «Merqueino coa idea de facer del un novo e así foi, no 2001 estreei o Ronsel».

Para aquela xa tiña expirado o convenio con Marrocos que deixou a setenta palangreiros de Ribeira amarrados, polo que Gude enrolou se en varias campañas experimentais por Sudamérica e África ata que fundou unha empresa mixta para poder volver a augas saharianas. Pero a ilusión truncouse en pesadelo: «Alí había moito peixe, pero non se cumpriron as condicións acordadas». O Ronsel regresou a Ribeira e foi eixo dun conflito legal que o armador ribeirense acabou gañando, pero decidiu pasar páxina e cambiou aquel palangreiro polo Madre Pilar, un barco que segue agora traballando no Cantábrico.

Momentos duros

Aínda que el xa non vai ao mar, garda na retina o día a día dentro dun pesqueiro: «Comparado coa vida no barco, este encerro é mel. Podes estar deitado no sofá, vendo a tele ou entretido no ordenador. No barco só ves auga por todas partes». E iso que el se considera afortunado e non chegou a ver a cara máis dura do mar: «Nunca sufrín un naufraxio nin fun testemuña dun, aínda que pasei algún temporal duro. O peor, no ano 2005 cando estabamos á palometa no estreito de Xibraltar, con ventos de forza 11. Aí é cando te acordas da familia e da nosa patroa, a Virxe do Carme. Sempre levamos unha imaxe no barco e neses momentos é cando te encomendas a ela. Acabas crendo aínda que non queiras».

Outro dos malos recordos que garda das moitas travesías nas que se enrolou ocorreu no litoral de Marrocos: «Alí vimos moitas pateras, pero non podíamos salvar á xente aínda que tiveramos oportunidade, porque rapidamente viña unha lancha marroquí e nos mandaba marchar. Non querían que vísemos o que realmente pasaba».

Días bos e malos, campañas mellores e outras peores, alegrías e penas... o mar deulle de todo a Manuel Gude. Agora, desde a casa, sofre un duro momento: «Estamos vendendo a metade de prezo, pero hai que ser solidarios e temos que seguir. Corre a cota e os vendedores non compran porque hai moito medo. Págannos a xarda a 0,60 e no supermercado está a case 2,50, ¿como se explica iso?».

Deixando de lado a crise actual, as cotas cada vez máis reducidas e as dificultades para atopar persoal, tanto mariñeiros como titulados, son para Gude os grandes problemas que afronta un sector que, baixo o seu experimentado punto de vista, ten por diante un futuro prometedor.