Antolóxica. 1972-2019

ANTONIO PIÑEIRO

RIBEIRA

cedida

Xosé Luís Veiras Manteiga convídanos neste verán á súa exposición antolóxica no Museo do Gravado de Artes

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Luís Veiras Manteiga convídanos neste verán á súa exposición antolóxica no Museo do Gravado de Artes. Amósanos nela dende o seu percorrrido polas vereas da iniciación, onda os mestres e os lugares nos que traballaron (Cézanne e Duchamp. Van Gogh e De Kooning. Millet e Bacon. Matisse e Turner. Referencias que Veiras Manteiga exhibe coa mesma devoción coa que as atesoura nos andeis do Camboño), ata a súa etapa actual de esencialidade e linguaxe propia.

Detívenme, na miña visita, neste acrílico sobre lenzo, que leva por título Paisaxe tórrida, no que percibimos precisamente o vehículo expresivo desa esencialidade: a cor. A cor plana coma experimento. Coma experiencia. Mesmo coma expiación. Hai un intre no que o trasno da pintura se lle presenta ao pintor de socato. Un intre no que todo o obxectivo, por fin, desaparece, e no lenzo, xunto cos elementos puros, queda só o subxectivo.

Aí o traballo da man. A pegada da man. O rastro anímico, estético e lírico do percorrido da man polo tempo do lenzo. É a man a que leva a cor, a que leva o instrumento de traballo, a que leva a organización expresiva do cadro. Xosé Luís acada o resumo dos anos de pescuda neste evidenciarse da man; por veces pincelada, por veces pano, por veces a man mesma, tocando a tea.

Mesma serie

Hai tamén outros dous cadros, na mostra, que nolo explican. Forman parte da mesma serie paisaxística, neste caso titulados Paisaxes murcianas e numerados co 1 e co 3. Son tintas sobre papel. Dunha espontaneidade deliciosa. Coma se emulasen apuntes para un traballo meirande. Por eles coido que Veiras chega a un deses intres que adoito chamamos de plenitude; inda que o termo -xa o sabemos- sexa imperfecto. Neles atopamos os compoñentes básicos da obra que nos ocupa: non máis de sete ou oito áreas pictóricas definidas, unha estrutura compositiva coidadísima, resultante de anos de observación e experiencia, o trazo rápido e a presenza da man, do seu xesto e mesmo diría que do seu estado de ánimo, a inmediatez da execución e a harmonía cromática.

Idea no horizonte

A paisaxe que propicia a obra queda reducida a esa simple idea do horizonte coas figuras do primeiro plano. Ás veces ténsenos explicado que a arte consiste nunha perversión ou unha alternativa da realidade. Xosé Luís explícaa en pintura reducíndoa ao elemento primordial da pintura. Explícaa reducíndoa á simplicidade mínima, poética e exquisita. Moitas veces, o que nos afecta dunha paisaxe é precisamente iso. A contundencia do sinxelo, do limpo, coma o ceo dun amencer ou a inmensidade dunha chaira. Ese mión conceptual da realidade, que Veiras ollou coma a través dos ollos dun ser novo e que onde mellor se percibe é alí, diante do orixinal, nas salas que don Javier Expósito Paradela deu para a arte no Museo do Gravado de Artes, en Ribeira.