O Concello asina un convenio cos propietarios do edificio lindeiro na rúa Romero Ortiz para intervir na fachada e iniciar a humanización da contorna
09 ago 2026 . Actualizado a las 16:21 h.O Concello de Ribeira avanza no proxecto para adecuar a praza que renderá homenaxe a Quico Domínguez na rúa Romero Ortiz, en pleno barrio do Pombal. Para iso, a Administración local acaba de rubricar un convenio de colaboración coa comunidade de propietarios do inmoble lindeiro co fin de pintar un mural na fachada da vivenda.
Esta iniciativa responde ao acordo adoptado polo pleno da corporación en maio do 2026 para revalorizar este espazo emblemático. Tal e como ratificou a sesión plenaria, a medida busca «tomar en consideración o recoñecemento á persoa de Quico Domínguez pola súa traxectoria de compromiso social e pola súa defensa da cultura galega, e noméese o espazo público que hai fronte á súa casa familiar, no barrio do Pombal, onde viviu a súa nenez e xuventude, co nome de Quico Domínguez».
Coa creación deste mural, o goberno municipal aposta pola arte pública urbana como un modo de expresión gráfica capaz de actuar como elemento de cohesión e integración social, ademais de contribuír á posta en valor e á humanización do municipio.
En virtude do convenio asinado, a propiedade da vivenda comprométese a permitir á Administración local intervir na súa fachada. Pola súa banda, o Concello asumirá a responsabilidade de eliminar uns elementos que sobresaen do inmoble coa finalidade de salvagardar a seguridade cidadá e mellorar a ornamentación que merece a contorna.