Letr@s G@leg@s

FARRUCO GRAÑA

CARBALLO

MATALOBOS

TERRA E XENTE | O |

06 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

IMOS CELEBRAR o Día das Letras Galegas e o de Internet. A promoción da lectura é un aspecto substancial na nosa festa das letras. Todos entendemos e compartimos a importancia das campañas institucionais animando ao público en xeral a mergullarse no mundo do libro. Por sorte, tamén cada vez máis imos comprendendo a importancia das campañas de alfabetización informática. Deixando atrás aos agoireiros do mal, a informática, xa que logo Internet, son hoxe ferramenta indispensable para desenvolvernos con soltura na nosa sociedade. Claro que se pode vivir sen Internet!, pero tamén podiamos ir andando ata Compostela ou Uviéu e, aínda así usamos medios de locomoción mecánicos. Outra cousa é que, por desexo de contacto coa natureza, ou outros motivos, fagamos calquera dos Camiños de Santiago paso a paso. Como non, rematándoo en Fisterra. Os tempos que vivimos, cada vez máis dominados polo mundo da tecnoloxía, seguen o seu rumbo sen se deter. Está nas nosas mans ser quen de evitar que o tren das novas tecnoloxías pase por diante nosa e se vaia sen subírmonos a el. «Onde haxa uns bos grelos, que se aparte o silicio!», podería proclamar algún nostálxico. Mais, ¡e se para poder vender eses grelos, ou calquera outro produto, podemos dispoñer dun instrumento tan eficaz como Internet! Visitar virtualmente o complexo de Dombate, elixir e mercar pezas de Buño desde Australia, contemplar vía Internet as marismas de Baldaio ou as dunas de Corrubedo... todo iso pode ser unha excelente porta para atraer visitantes. A alfabetización informática non é un antollo de festa de gardar. Tampouco o é ler a Rosalía ou Shakespeare. O que deles aprendemos axudaranos a facer fronte ás vicisitudes da vida, abriranos portas, daranos novas perspectivas. O que aprendamos de Internet e o mundo da informática, tamén. As novas tecnoloxías transformaron a nosa sociedade, o aparato produtivo, as formas de xestión, o ocio. Conceptos como lonxe e cerca, tarde ou axiña, xa non teñen o mesmo significado. No contexto dunha economía global, un país cuns altos índices de analfabetismo informático non está preparado para competir. Fomentar o acceso e o uso de medios informáticos é fundamental. Nese sentido, a potenciación das redes de telecentros, así como a potenciación dos medios informáticos nos centros de ensino, é vital. E o uso do galego en Internet unha nova tarefa inescusable.