Laxe: unha de cal e outra de area

HENRIQUE ROMAR CARRACEDO

CARBALLO

CASAL

TERRA E XENTE | O |

09 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

POR ESTAS datas e dende esta mesma columna, baixo o título «Laxe: pedra viva, area viva», expresaba o ano pasado a miña chamada de atención sobre o gran problema da area da praia, que pouco a pouco se está a converter nun gran problema para Laxe, a xulgar polos efectos e repercusións que diso se derivan. E aquela reivindicación persoal, aquel berro de protesta reclamando unha intervención decidida e racional da Administración local, autonómica ou estatal a través dos organismos competentes, recollía e recolle o sentir xeralizado e o espertar colectivo dos laxenses, que despois dunha rabia contida xa non estamos dispostos a seguir impasibles, deixándonos asoballar ou agardando a que Don Quixote e Sancho corrixan o agravio e desfagan o entorto loitando contra as xigantes montañas de area ou montellóns , como aquí se lles chaman. Porque hai dúas razóns básicas e dabondo obxectivas que avalan o dereito e a actitude desta terra e desta xente: Unha de cal: ante o preocupante e alarmante problema da area, o aspecto máis positivo que merece todo o meu eloxio e consideración é a toma de conciencia do pobo, que, ante unha causa común, non dubida en unirse, manifestando o seu malestar e amosando publicamente o seu único fin e interese, a defensa da estética da súa praia e da súa ría, fronte ao feísmo desas masas de area orixinadas de forma non natural ou contra natura, por mor desoutras masas de cemento e formigón dos chamados diques de abrigo, mal planificados tecnicamente, se temos en conta os desperfectos que ocasionaron. Unha de area: velaquí a verdadeira realidade do problema; é un feito totalmente obxectivo e constatable que na dársena e por diferentes zonas do paseo marítimo, os petrís, accesos, escaleiras ou miradores chegan a quedar literalmente cubertos de area, como consecuencia directa da acción das correntes mariñas alteradas pola acción humana que rompe o equilibrio cando usa ou abusa desmesuradamente da natureza. E como non hai efecto sen causa, todos os laxenses sabemos e comprobamos que os enormes cambios provocados na fisonomía da nosa praia pola acumulación imparable de area comezaron a partir da realización desas obras no porto. Postura veciñal Este é o contexto que avala a postura dos veciños e as súas demandas prioritarias: que se arbitren solucións técnicas eficaces para evitar ou impedir a entrada e a formación de area na dársena e na praia; e que se quiten esas dunas novas (en absoluto comparables coas dunas naturais de Corrubedo) que se formaron no primeiro tramo da praia, no espazo delimitado polo primeiro e antigo paseo (aproximadamente uns 300 metros dende o comezo da praia). Que se reparen os danos causados considéroo un dereito e unha aspiración xusta e razoable. Por iso aplaudo dende aquí calquera movemento cívico ou asociación cidadá que, sen demagoxias nin afáns partidistas nin falsos ecoloxismos, sempre con carácter integrador e aberto e non excluínte, se ocupen e preocupen por conservar ou restaurar a lanzal feitura desta vila que quere seguir «espellándose nas ondas tranquilas da súa praia» e contemplar dende o seu paseo «os leitos de puntillas» da súa beiramar, como canta nos seus versos o noso poeta Antón Zapata García. E como ata a camiñata máis longa empeza por un pequeno paso, o pobo xa comezou a andar manifestando os seus desexos e inquedanzas, disposto a seguir camiñando ata chegar a bo porto. Agora só falta retirar do camiño a area e todo tipo de atrancos (políticos, sobre todo) que dificultan esa andaina. O paso seguinte está na vontade das institucións correspondentes, co Concello á cabeza (goberno e oposición, porque o problema é de todos) como o primeiro xestor e o representante máis directo da vontade popular. Así que ¡ánimo e decisión! ¡Solucións, xa! Non vaia ser que a bandeira azul quede tamén enterrada. Pero con cabeza e sentidiño. Porque, como dicía Antonio Machado: «De dez cabezas, nove embisten e unha pensa».