O Concello de Cerceda prepara unha primavera chea de letras

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

O programa inclúe contos, teatro, exposicións e outras actividades

08 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O Concello de Cerceda dedicará a programación cultural desta primavera ás letras. Para elo preparouse un amplo programa de actividades que inclúe contos, teatro, unha exposición e ata unha xincana lingüística.

A primeira das propostas en botar a andar será a das merendas e os contos nas bibliotecas municipais, que dará comezo esta venres en A Silva coa compañía Trinketrinke. O día 25 serán os actores de Teatro do Andamio os que visitarán a instalación da capital municipal e xa en maio, o día 25, Raquel Queizás pechará o ciclo na Silva.

Ademais, Cándido Pazó pasará polo auditorio cercedense o 27 de abril para representar as súas Memorias das memorias dun neno labrego e o 3 de maio, Caramuxo Teatro tomará o relevo co espectáculo As fabas máxicas.

As letras estarán presentes tamén no Centro Cívico a través de Nimbos de luz, unha mostra organizada pola Consellería de Cultura para dar a coñecer a vida e a obra do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

E no marco desa mesma conmemoración encadrarase igualmente xincana lingüística que se celebrará nese mesmo escenario o 7 de maio e no transcurso do cal serán entregados os premios do certame escolar Primavera das Letras organizado polo Concello.

O día 23 deste mes celebrarase o Día do Libro con visitas aos distintos centros escolares do municipio e coa presentación do Calendario dos Recordos 2015, un traballo desenvolvido polos alumnos do obradoiro de memoria e de formación de persoas adultas.