Os versos florecen en Cabana

Á. PALMOU

CARBALLO

Ana Garcia

O Concello e a editorial Galaxia desenvolverán en abril dous programas nos que participarán medio cento de profesores e 250 alumnos do municipio bergantiñán

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Dolmen de Dombate non só é o monumento máis representativo de Cabana, senón que dá nome tamén á colección de poesía da editorial Galaxia, así que con esta feliz coincidencia como coartada e o megálito como testemuña ambas partes acaban de poñer en marcha un programa educativo dirixido a profesores e alumnos, cos versos como fíos condutores e que se desenvolverá durante o próximo mes.

«Para nós é unha obriga fermosa apoiar toda clase de actividade que teña a literatura como eixo e este Dombate Primavera da Poesía interésanos e motívanos especialmente», asegurou o director da editorial, Francisco Castro, na posta de longo dunha iniciativa coa que espera, ademais, axudar a derribar algúns tópicos.. «Sempre se considera a poesía como a irmá pobre da literatura, que a edición de poesía non é rendible e que é un xénero moi minoritario, pero nós queremos reverter esa situación e unha das maneiras de facelo é traballando coas nenas e os nenos desde que son moi pequenos e se están iniciando na literatura». Nesa tarefa, contarán coa axuda de creadores como Xoán Carlos Domínguez, María Canosa, María Lires e Paula Carballeira, que impartirán os obradoiros escolares, nos que participarán 250 alumnos do municipio.

A outro eixo do programa Dombate Primavera da Poesía serán as xornadas para o profesorado, nas que participarán 50 docentes -as prazas xa están cubertas- e que terán tamén a destacados artistas como convidados: Ubú Teatro, que porá en escena a súa adaptación de A galiña azul, de Carlos Casares; Miro Villar, Manuel Ferreiro, Alberto Pombo, Yolanda Castaño, e Bieito Romero, líder de Luar na Lubre e moi vencellado a Dombate posto que, como lembrou onte Xosé María Varela -asesor cultural do Concello cabanés- a portada do primeiro disco do grupo estaba ilustrada cunha imaxe do dolmen. Varela explicou tamén que parte da sona inicial do megálito entre a intelectualidade compostelá debeuse ao poema que lle dedicou Pondal.

Agora, os versos volverán irmandarse da man do Concello e de Galaxia, editorial que o alcalde, José Muíño, cualificou de «referencia» e para a que tivo palabras de agradecemento.