«A posibilidade de facer cousas democratizouse»

fran rodríguez / Á. P.

CARBALLO

Hoxe arranca o primeiro taller do festival Carballo Interplay

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés Mahía e os seus socios da produtora Zopilote, Carlos Ares e Xosé Castro, serán os encargados de impartir hoxe e mañá (Fórum, 10 a 14 e 16 a 19 horas) o primeiro obradoiro da nova edición do festival de contidos dixitais Carballo Interplay.

-¿En que consistirá o taller?

-Entendemos que o Carballo Interplay está orientado a xente nova, que empeza e explorar camiños non habituais; por iso pensamos en facer unha especie de taller sobre como facer unha serie: o que hai que pensar antes de facela é o que hai que pensar durante a escritura do guión. De feito, imos intentar deseñar unha cos alumnos e deixar un proxecto feito.

-¿En que momento se atopa o audiovisual galego?

-Non creo que sexa un momento especialmente malo; é un momento interesante porque é unha época de cambio, de evolución. Nunca ninguén ata hoxe en día levaba unha cámara de tal calidade no peto da chaqueta; agora podes facer un vídeo no minuto un e no minuto dous telo xa nunha plataforma onde o poden ver millóns de persoas. A posibilidade de facer cousas democratizouse, pero outra cuestión é que esas cousas teñan calidade ou que lle interesen a alguén.

-¿Considéranse creadores ‘low cost’?

-Somos creadores low cost comparados con Madrid, ao igual que eles o son comparados con Netflix. Cada quen ten que facer a televisión que pode permitirse a súa sociedade e o seu país. Galicia é un país que ten tres millóns de habitantes e ten unha produción audiovisual alucinante.