Un soño literario feito realidade

«Escapados» é o título da primeira novela que publicou María del Carmen Rey Núñez, de Mazaricos, escritora autodidacta que estivo ao fronte dunha explotación gandeira

.

mazaricos / corresponsal

Dicía Graham Greene que escribir é unha magnífica forma de terapia. O célebre autor e crítico literario británico preguntábase como conseguían escapar da tolemia, da melancolía e do medo humano todos aqueles que non escribían, pintaban ou compoñían música. María del Carmen Rey Núñez subscribe, palabra por palabra, as afirmacións do autor de O terceiro home ou O americano impasible. De feito, a escritora mazaricá non dubida en asegurar que, neste momento concreto da súa vida, lle sería imposible deixar de plasmar nun papel todo o que lle pasa pola cabeza: «Toda a vida a lembro escribindo. Xa dende moi pequena me encantaba facelo. Co paso do tempo, o que era unha simple afección acabou converténdose en algo imprescindible para seguir sentíndome viva».

Neste sentido, a mazaricá recoñece ter pasado momentos moi difíciles na súa vida e, neles, a literatura sempre foi un dos seus principais aliados. «Pasei por situacións moi complicadas e os libros sempre me botaron unha man para levantarme e seguir; incluso nos momentos máis duros, ler e escribir me axudaban a sentirme mellor», confesa.

É por isto que María del Carmen Rey atravesa neste momento por unha «situación de absoluta felicidade», pois acaba de ver cumprido o seu soño de publicar unha novela. Titúlase Escapados e acaba de saír do prelo da editorial noiesa Toxosoutos que, ao longo das próximas semanas, comezará coa súa promoción. «Estou nunha nube e aínda se me fai difícil asimilar que vai haber nas librerías unha obra asinada por min. Por iso quero agradecerlle a Toxosoutos a confianza que depositaron en min publicándome o meu manuscrito», manifesta a escritora novel.

A historia de Pepe e Roque

Segundo recoñece a propia autora, o libro narra a historia de Pepe e Roque, dous mozos que se ven abocados a refuxiarse no Pedregal do Pindo fuxindo da Guerra Civil: «Aínda que os personaxes son inventados, a historia baséase en feitos reais vividos por moitas persoas de concellos como Mazaricos ou Carnota que se viron obrigados a fuxir para o monte escapando dunha guerra na que non querían participar».

A pesares de ser a súa primeira novela longa -deulle forma a centos de relatos curtos e a unha decena de obras de teatro-, María del Carmen recoñece que lle resultou relativamente sinxelo escribir esta historia e que incluso logrou rematala nun tempo récord de tres meses. «A idea xurdiume un día que estaba, precisamente, camiñando no entorno do Monte Pindo. Veume á cabeza que tiña información sobre este tema e que estaría ben poder contar todas as historias polas que seguro pasaron moitos dos nosos veciños cando estoupou a guerra», explica.

O conseguido por esta creadora de Mazaricos cobra aínda maior relevancia se se ten en conta que nunca recibiu ningún tipo de formación académica vinculada ao mundo da literatura. «Eu estudei para auxiliar administrativo e, por diversas circunstancias, acabei nunha explotación gandeira de vacas de carne. Son totalmente autodidacta e a miña forma de redactar é froito de todo o que lin e leo e, sobre todo, de escribir. Como me dicía un coñecido, a mellor forma de escribir ben é escribindo moito», sentencia.

Agora, de baixa por mor dunha enfermidade, recoñece ter moito tempo para dedicarlle á súa gran paixón e incluso para participar como actriz no grupo de teatro afeccionado do municipio de Mazaricos, formación que incluso adaptou e representou algunha das súas obras: «O teatro, tanto enriba do escenario como escribindo as obras, é marabilloso. Todo o mundo debería ter contacto con el porque é moi enriquecedor».

Votación
5 votos
Comentarios

Un soño literario feito realidade