Que a xente non se leve a engano por aforrar unhas pesetas

Julio López A OPINIÓN DO EXPERTO

CARBALLO

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous modelos ou dúas fórmulas para vender gasóleo bonificado: nas estacións de servizo, ou como distribuidores de venta directa que se chama, e é cando ti tés un tanque e lévancho á casa. No primeiro caso, nós só podemos vendelo -en garrafas homologadas por suposto ou no propio tractor- a través da tarxeta ou os cheques de combustible bonificado. En ningún caso podemos cobrar en efectivo, co cal cada cliente queda debidamente identificado e, de xeito mensual, remitímoslle eses datos a Facenda, cos CIF correctos non, correctísimos, porque en canto hai o máis mínimo erro xa nos avisan. Así que a xente non se leve a engano por querer aforrar unhas pesetas, porque hai medidas de control, moitas, e non ten sentido ningún crerse moi listo para despois ter que botar as mans á cabeza, porque Facenda pode saber en todo momento o consumo de cada un e as multas son verdadeiramente xenerosas.

No outro caso debes dispor dunha instalación debidamente homologada e dada de alta en Industria. Tés que entregar copia do DNI e firmar unha declaración de consumidor final a efectos de impostos especiais, na cal te comprometes a utilizalo nun motor agrícola e nun vehículo de uso agrario. A partir de aí Facenda sabe perfectamente que se só tés un Barreiros e unha pequena horta e levas gastados dous millóns de litros iso é unha barbaridade e, polo tanto, pode pedirche explicacións en calquera momento.

É certo que as diferenzas de prezo son importantes, pero vale a pena pensalo moito antes de facer algo así, porque hai xente que se cree lista, que cae niso para uns consumos realmente ridículos e acábana pillando. A responsabilidade é do consumidor final que se compromete a facer un uso moi concreto dese combustible que está bonificado. Se o leva e despois o emprega doutra maneira pode traerlle consecuencias.