Memorias

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

15 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Preguntaba o outro día nunha rede social unha lectora, con toda a boa fe do mundo (non era broma: a cuestión planteouna con inocencia e respecto), se as cabanas de millo, aproveitando que vira un vídeo da de Carreira, eran as antigas casas. E non era unha persoa nova, precisamente. Porque os máis rapaces xa non é que non saiban o que é unha cabana, e é que case nin lles sona o Prestige ou as pesetas, que para algo son do mesmo ano.

Hai un descoñecemento sorprendente do noso pasado. Algúns, porque non o viviron na casa ou o viron de lonxe, e outros, porque son xente moza e xa naceron con outras inquedanzas. Creo que nin sequera usaron un bolígrafo para mover unha casete, nin foron de pé no autobús da escola, nin saben distinguir as fabas polo seu tamaño ou os grans de millo dos de trigo. ¡As cousas da vida! Non sempre as do pasado foron mellores.

Por iso moito agradezo o traballo dos mestres (e asociacións) que se ocupan de manter viva esa memoria en zonas nas que a vida rural, ata antonte, era toda a vida, non había outra. En quince anos, se cadra vinte, estase borrando case todo o de centos atrás. Xente que organiza charlas, visitas, que fomenta que se pregunte na casa, que se participe en hortos, que se pasee pola beira dun río e se hai sorte algún molle os zapatos na auga, que non é mal ningún. Xente como O Santiaguiño que constrúe cabanas de verdade, nada de imitacións, cun arquitecto que che explica todo co fouciño dos toxos na man, e pena de polainas nos pés. É case a única maneira de manter o pasado, aquel que tan ben retratou Ruth Matilda na Costa da Morte hai 93 anos xustos estes días.