«A Ruta dos Faros busca poñer en valor o patrimonio e o turismo mariñeiro»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

CARBALLO

MARCOS CREO

A iniciativa, que afecta a toda a costa galega, entrará en funcionamento o día 28

18 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro dun par de semanas será presentado o primeiro produto turístico que vincula toda a costa galega collendo como nexos elementos arquitectónicos míticos e singulares. Trátase da Ruta dos Faros. A idea é que os visitantes se animen a descubrir estas torres e gocen no camiño da gastronomía local, de aloxamentos con encanto e mesmo de actividades de turismo mariñeiro. Esta iniciativa é froito dunha suma de esforzos capitaneada polos grupos de acción local pesqueira da comunidade. Manuela Oviedo é a xerente do que traballa no territorio barbancés.

-¿Que é a Ruta dos Faros?

-É un proxecto de cooperación xurdido das necesidades que tiñamos de reorganizar as actividades vinculadas ao club Mar Galaica. A Ruta dos Faros busca poñer en valor o patrimonio e o turismo mariñeiro, e tamén é un xeito de que as Administracións empecen a pensar na posibilidade de darlle valor a estes faros, pois moitos están en situación de deterioro.

-¿Quen forma parte dese club?

-Forman parte tódalas actividades de turismo mariñeiro que se fan ao longo da costa de Galicia, os museos e centros de interpretación vinculados ao patrimonio mariñeiro, as empresas de carácter privado que levan a cabo actividades de turismo relacionadas co mar, así como tódolos restaurantes e aloxamentos que cumpren un determinado estándar de calidade. Por exemplo, no caso dos restaurantes, todos os que forman parte do club teñen instaurado o Quilómetro Cero Mar Galaica, iso quere dicir que os produtos identificados con este selo non teñen máis de cen quilómetros de percorrido desde o lugar de orixe. Deste xeito potenciamos o consumo do produto pesqueiro do territorio.

-¿A ruta é moito máis ca un percorrido pola costa?

-Exactamente, é un itinerario pola costa de Galicia, onde o nexo son os faros, pero que leva asociadas outras moitas actividades, desde visitas ás lonxas ata un Top 100 Selfies, que persigue fomentar os lugares máis recónditos do litoral.

-É unha iniciativa adaptada a case tódolos perfiles de turista.

-Si, hai a posibilidade de facer a ruta a pé, en moto, en coche, en caravana e incluso por mar. O usuario do noso produto vai ser o que elixa o tramo a facer e alí vai ver tódalas opcións que ten.

-Alfúns faros están en desuso...

-Si, de feito estanse analizando as posibilidades de revitalizar o de Lariño ou o de Corrubedo, pero claro está que sería moi interesante que todos eles volveran ter algún tipo de actividade.

-¿Cal está a ser a acollida?

-Imos sabelo o vindeiro día 28, cando se presente a ruta en Santiago, tanto para as Administracións de carácter institucional como para a prensa. Dous días despois haberá un encontro coa prensa a nivel nacional e unha nova presentación en Madrid.

«Se realmente funciona, os negocios notarán esa repercusión»

«Hai moitos colectivos implicados neste proxecto. Esta ruta leva aparellada formación en turismo mariñeiro, fixéronse seminarios temáticos ao longo da costa orientados a promover a ruta. Está empezando a soar e a espertar interese», asegura Oviedo.

-¿Búscase esa desestacionalización do turismo?

-Efectivamente, e búscase fomentar o turismo de fin de semana. Creo que a maneira idónea de facer a ruta é ir por tramos, que poderían ser cada fin de semana, con parada nun aloxamento con encanto e gozando de comidas en dous restaurantes.

-¿Vai ter entón unha repercusión económica importante?

-Hai 120 restaurantes implicados e outras tantas actividades de turismo mariñeiro. Se realmente a ruta funciona, estes negocios notarán esa repercusión.

-¿Cando se poderá estrear?

-En canto se presente, a páxina web estará dispoñible para aqueles que queiran consultar a información. É un plan idóneo para a ponte de decembro.