«O certame é unha experiencia»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Os tres gañadores da primeira edición dos «Contos de Primavera» animan a participar nesta nova convocatoria de La Voz e Radio Voz

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

La Voz de Galicia e Radio Voz teñen convocada unha nova edición -a segunda- do certame Contos de Primavera, patrocinado por Calvo e dirixido a alumnos de secundaria da Costa da Morte. Son os propios tres gañadores do ano pasado os que animan a presentarse ao concurso: «Foi algo que me gustou moito. A sensación de gañar un premio sempre gusta. Para min escribir aquel texto foi difícil, polo sentimento, pero tamén moi bonito gañar con el», conta Lucía Varela López, alumna do Manuela Rial Mouzo de Cee. Acadou o primeiro posto co relato Unha boa viaxe, creado na memoria do seu bisavó, Carmelo. Con 15 anos, estuda agora cuarto de ESO e segue a ser moi afeccionada, conta, á lectura, sobre todo de novelas románticas. Xa lle trasladaron no colexio a convocatoria deste certame, e aí andan, vendo que poden artellar.

Ana Garcia

Lucía -quere estudar Turismo- indica que é frecuente que o Manuela Rial se presente a moitos destes certames -agora andan a voltas con un da Fundación Fernando Blanco- e case sempre con felices novas para as súas aulas.

Ana Garcia

Dende alí chegara tamén Jorge García Pombo, quen con Lobos de mar acadou o segundo premio. Daquela estudaba cuarto de ESO, pero un ano despois, agora, xa cursa primeiro de bacharelato no IES Agra de Raíces. Aos seus 16 anos, anima aos alumnos a participar: «Ya no es solo por el certamen en sí, sino también porque escribir y darle vueltas a las cosas está bien». Explica Jorge que non contaba con gañar, pese a que algunha experiencia previa tiña xa en concursos, «pero más pequeños». Recoñece que non é que escriba constantemente, mais si lle gusta darlle algo de «estilo literario» aos seus traballos, cando pode. Le algo de todo -non lle convencen as novelas xuvenís- e agora forma parte dun club de lectura no Agra de Raíces: «Yo creo que leer es lo más importante. Es de donde vas sacando las ideas y donde aprendes a ir juntando palabras».

Ana Garcia

O terceiro premio dos primeiros Contos de Primavera, finalmente, viaxou o ano pasado ata o instituto de Ponteceso, onde estuda Hadrián Félix Neira Varela, que agora ten 13 anos e está en segundo da ESO. «O certame sempre é unha experiencia», valoraba onte. Sentiuse ben cando viu o seu texto O canteiro entre os seleccionados polo xurado. Escribe dende os 10 anos e di que a historia -sobre todo a Idade Antiga, gregos e romanos- é a súa materia favorita. Veciño de Tella, avanza que xa tería un borrador para este ano. Querería ser mestre de historia.

Data límite para o envío de relatos para o certame: 30 de abril

«Contos de Primavera» é un concurso dirixido a alumnos de secundaria das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, así como o Concello de Cerceda. Os textos han de ter un tamaño máximo de 2.000 carácteres e tratar sobre aspectos paisaxísticos, históricos, etnográficos ou patrimoniais da comarca. Cómpre envialos a redacción de La Voz de Galicia en Carballo, ben identificados: rúa Gran Vía, número 84, 1.º, 15100.