O López Abente de Muxía premia a poesía de Noelia Gómez, voz nova da literatura galega

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Rianxeira, recolleu onte na vila da Barca o seu galardón polo poemario «O xiro»

28 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son unha namorada do mar da Costa da Morte, do mar de López Abente», confesara horas antes para La Voz a rianxeira Noelia Gómez Calvo (1995). Ela é a gañadora da quinta edición do premio de poesía Gonzalo López Abente. Promovido pola Fundación muxiá e patrocinado pola Secretaría Xeral de Cultura, o galardón foille entregado na tarde de onte, na vila da Barca, nun acto no que tomaron parte, entre outros, Aurelia Picallo, membro da entidade organizadora, e tamén dúas das autoras merecedoras do premio en anteriores ocasións, Eli Ríos e Emma Pedreira, seleccionadas polos traballos Culpable e S/T, respectivamente.

ANA GARCIA

Ambas, «autoras relevantes» como as tiña cualificado Noelia, deron a coñecer estes seus textos dun xeito ben particular e acubillaron tamén coa súa presenza e o seu facer a poesía da rianxeira, unha voz nova ata o de agora inédita á que este López Abente lle vén dar entrada no sistema literario galego. Editará Xerais.

«O xiro» da debutante

Ríos e Pedreira, xunto con Xesús M. Sambade, secretario da Fundación, integraron precisamente o xurado este ano e seleccionaron por unanimidade a proposta de Gómez: os de O xiro, como así se chama o poemario, foron valorados como versos «espidos de calquera requinte estético», versos que gardan unha vocación de falar dende a colectividade, centrados nunha rapaza de aldea que vive afastada do lugar de orixe. «Ausencia de barullo» hai neles. Vén ser unha reflexión acerca do paso do tempo. A muller está presente. As Abaladeiras pecharon a entrega.