«As orquestras fixeron inversións nos palcos que agora non son rendibles»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Máis de cincocentas persoas celebrarán o xoves os setenta anos da Trébol no Aldeola. O seu actual director, o carballés Javier Bardanca, leva dende o 1993 na formación

04 dic 2018 . Actualizado a las 21:33 h.

Trompetista de formación, Javier Bardanca Castro, de 46 anos, leva dende os 14 no mundo da verbena, e dende o 1993 vinculado á mítica orquestra Trébol, que agora dirixe. Este 2018 fan 70 anos de historia, e para celebralo terán unha comida no restaurante Aldeola á que acudirán máis de cincocentas persoas que non quixeron perderse esta celebración: «Tivemos que pechar as reservas a máis dunha semana de fin de prazo, porque no restaurante dixeron que non podían máis. Somos moi afortunados por tanto cariño», di Bardanca.

-Setenta anos, nada menos. Haberá poucas orquestras en Galicia que alcanzaran esa idade.

-Nestes momentos debemos ser a segunda ou a terceira máis antiga de Galicia.

-Tamén é unha responsabilidade.

-Non é doado, sobre todo manterse na liña de orquestra de baile, agora que se está tirando máis polo espectáculo. Intentamos manternos fieis á nosa esencia.

-¿Qué ten a Trébol, entón, para atrapar ao público?

-A xente que nos segue é ese tipo de público ao que lle gusta bailar e as orquestras que teñen bos metais. Trato de poñerme do lado do público: se un tema non serve para bailar ou non arranca un aplauso, non vale para nada. Por outro lado, non todas as festas son iguais: variamos o repertorio en función de se hai máis xuventude ou un tipo de público que prefire o clásico.

-Hai uns anos houbo unha auténtica renovación na verbena, o que lles obrigou a mudar as dinámicas e interpretar temas máis actuais. ¿Como foi ese cambio?

-Todo o mundo quere estar á moda, pero hai que saber qué tipo de orquestra tes entre mans. Nós non podemos tocar seguido estes temas de reggaeton, porque teríamos a media orquestra parada. Todo isto que está agora de moda é moi electrónico, moi enlatado. ¿Para qué levar unha orquestra con cinco metais se despois non lle sacarás partido? Neste caso, tratamos de versionar eses temas ao noso estilo.

-¿Non lle dá a impresión de que todas as orquestras parecen iguais, co mesmo repertorio?

-Si, perdeuse un pouco ese sello de identidade que tiña cada unha, agora tócase a lista de éxitos. Nós seguimos tendo os nosos pasodobres, as nosas cumbias, temas mexicanos...

-¿Que zona visitan máis a miúdo?

-Estamos moito pola provincia da Coruña e en Pontevedra, unha zona na que é moi doado sacar á xente a bailar. Noutras áreas non sabes moi ben nin qué tocar para conseguir animar ao público.

-¿Qué fan nesas situacións?

-Neses casos está na man dos cantantes, que son os principais animadores. Ás veces non chega só con ir tocar.

-Leva máis de 30 anos no mundo da verbena. ¿Cal foi o cambio máis grande que sufriu o sector?

-As montaxes, sobre todo, cambiaron moitísimo. Antes tocabamos nos palcos de cemento que había polas parroquias, ou poñíache a comisión un escenario de táboas. Houbo un cambio grande cara a imaxe, aínda que eu creo que foi excesivo. Déuselle demasiada importancia a ese aspecto, e quitóuselle ao artístico. Para divertir un pobo a que ten que poñer toda a carne no asador é a propia orquestra, non son as pantallas, nin a iluminación. Foron grandes inversións que se fixeron e que agora non están compensando economicamente, porque non podes cobrarlle moito máis ás comisións de festas. É insostible, e por iso moitas agrupacións se están desfacendo.

-¿Está a verbena estancada?

-É que xa está todo inventado, aínda que se está volvendo a dar importancia ao baile. Como non marques a diferenza musicalmente, o visual xa está moi visto.

-¿Qué opina do playback?

-Nós tocamos 100 % en directo, porque senón non tería lóxica levar músicos profesionais, bastarían uns simples figurantes. Hai de todo, pero podo dicir que a maioría de orquestras profesionais non o utilizan.

-¿Como os trata o verán?

-Pasa factura. A miña muller, María, é cantante, e ten días bos e malos da voz. Días nos que lle rasca a garganta na sesión vermú... Aínda que agora xa non cae todo o peso sobre dous cantantes.