País da chuvia

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

19 feb 2019 . Actualizado a las 11:03 h.

Escribía Ryszard Kapuscinski que moitos africanos din que son de onde hai chuvia. Non teñen outro rexistro de nacemento nin vila nin aldea de orixe. O deserto adoita ser o escenario da súa traxedia. Moitos clans teñen que andar peregrinando pola area cos seus poucos animais na busca dunha poza de auga para sobrevivir. Esa é a súa vida. Conseguir chegar a ela e que outros non cho impidan. Nós temos a sorte de ser do país da chuvia. O noso gran tesouro. Onte a auga puxo unha cortina nos vales da Costa da Morte. Había quen miraba pola fiestra como caía incesante mentres degustaba os cada vez máis abundantes doces do entroido. E menos mal vén vindo o un e maila outra. Basta con que pasen uns días sen chover para ter que se pór en marcha o arsenal de prevención de incendios e evitar que o lume chegue ás vilas e queime vidas e casas. As veces somos como aqueles mineiros do volframio, que nazis e aliados pagaban a prezo de ouro para reforzar o seu armamento. Aqueles aventureiros recibían tantos cartos de repente que non sabían que facer con eles e ata prendían os cigarros con billetes de mil pesetas mentres o resto da xente do entorno pasaba fame e necesidade. En ocasións, a abundancia céganos. Debe ser por iso que non somos quen de apreciar e darlle todo o valor que merece o entorno natural. Como se non o désemos gastado ou amolado. E moitas veces sen necesidade ningunha. Cando se saca algún proveito del aínda se pode entender. O que non se comprende é a destrución gratuíta e a falta de sensibilidade. Eses plásticos a eito nas beiras dos ríos...