Da inexistencia da cultura da auga ao reto da xestión esixente e transversal

Serxio Domínguez

CARBALLO

17 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva marco da auga fíxose maior de idade. Dentro das políticas ambientais propiciadas dende Europa esta directiva pode considerarse como unha das de maior impacto e relevancia na vida dos cidadáns europeos. Hoxe, semella que non poderiamos concibir na sociedade facer un uso descoidado e deficitario do recurso auga. A implantación desta directiva supuxo avances moi importantes na xestión e tratamento das augas, unha máis que correcta identificación das masas de auga, e unha incorporación progresiva de tecnoloxía de depuración e medidas na eficiencia do uso. Non obstante a persistencia de importantes focos de contaminación por vertidos aos ríos e rías, amosan a insuficiencia de logros na aplicación da Directiva e da necesidade de incorporar cambios que obriguen ao establecemento de maiores garantías de cumprimento na aplicación desta norma.

O escenario global e futuro deste recurso presentase coma un enorme reto, e nas próximas décadas millóns de persoas terán dificultade de acceder á mesma nas mínimas condicións necesarias.

Precisamos dunha política de tolerancia cero fronte a permisividade na xestión das cuestións que afectan ás augas, e a fórmula pasa pola adopción e anticipación de medidas contundentes na vixianza e control do papel que fan as autoridades que deben velar polo correcto cumprimento nas prescricións desta normativa.

A Comisión é coñecedora que os diferentes prazos de implantación programados foron, en moitos casos, retrasándose por parte das autoridades dos Estados Membros. De feito as administracións no ámbito local, rexional e dos Estados, teñen actuado xeralizadamente relegando a correcta xestión da auga a segundos ou terceiros niveis de atención e despreocupación. Cando se ten actuado foi ante denuncias de incumprimentos e ameazas de sanción. Unha vez afastados dos ollos do propia Comisión, volveuse caer novamente na relaxación e permisividade. Exemplo que podemos constatar coa delegación da Comisión que visitou as rías galegas no 2013 e que 6 anos máis tarde a Comisión de Peticións decide manter aberta pola continuidade das deficiencias que persisten.

Asím 19 anos despois continuamos con escenarios de maltrato das nosas augas, coa contaminación de numerosos ríos e a deplorable situación de moitas das nosas rías.

O caso da nosa ría é proba de que a directiva non ten alcanzado os obxectivos pretendidos, e estamos aínda lonxe desa meta. É exemplo de preocupación e reivindicación histórica, o lograr que algún día se cumpra o saneamento integral das rías e devolverlles a calidade e riqueza ecolóxica que potencialmente se agarda deste tipo de espazos.

Vivo cerca da ría de Corcubión e Cee, e xunto á mais pequena de Europa, a ría de Lires. Ambas padecen unha persistencia crónica de contaminación. No caso da de Corcubión, unha ría que históricamente mantivo unha rica tradición e produtividade marisqueira e de uso recreativo e lecer, leva décadas sumida nun deterioro inaceptable, e coa imposibilidade de xerar un modelo de actividade económica sostible e perfectamente competitiva e de oportunidade. Resulta inexplicable que a ría conte ao longo de todo o seu perímetro con innumerables puntos de vertido, cunha rede moi deficitaria de depuración e saneamento, e sobre todo, non teña abordado un plan de saneamento integral, tantas veces demandado, e denunciado á propia comisión. Este saneamento é capital se pretendemos recuperar a ría tan castigada durante décadas por unha forte actividade industrial e a expansión anárquica dos núcleos de poboación. No caso da ría de Lires preséntase coma un dos puntos negros do litoral galego, coa súa praia principal pechada, e con niveis de contaminación orgánica intolerables e inasumibles, e puntos de risco para expansión de zoonosis e focos epidemiolóxicos de especies migrantes. Unha ría exposta a unha carga de contaminación do que as autoridades nada fan pra controlala.

O novo texto de directiva pretende afondar no que se denominan os “programas de medidas” (PDM) deseñados dentro dos Plans hidrolóxicos de cada bacía, que proporcionarán medidas precisas en relación ao control no aproveitamento e extracción das augas, dos vertidos, e da contaminación difusa ou a alteración física das masas de auga. Pois ben, débese tomar nota que o peor aliado para desenvolver un “Programa de Medidas” satisfactorio, útil e de crible e realista aplicación, é precisamente que o novo texto non dote á Directiva Marco da Auga dos necesarios mecanismos de exhaustivo control e vixilancia na aplicación da Directiva. Debe contarse coa previsión normativa de blindar os mecanismos de vixianza e control para impedir os vicios e relaxación das administracións permisivas.

Ademais a revisión das políticas europeas das augas debe facerse de modo transversal e coordinado con outras normativas estratéxicas. Por exemplo coa revisión da Política Agraria Comunitaria, ou a Directiva de Control e Prevención da Contaminación.

No caso das actividades agrogandeiras, con alto impacto por contaminación difusa nas augas, que para Galiza presenta un problema de enorme dimensión e recorrente, e un dos principais factores da mala calidade de moitas das masas de auga. A PAC debe configurar o apoio económico de boas prácticas ambientais no uso e trato directo e indirecto das augas, e favorecer a implantación destes Programas de Medidas dentro dos Plans de Bacía.

De pouco ou nada vai valer unha directiva moi boa, se o final se fai caso omiso dela e non se vixía a súa aplicación. Estamos, seguramente, ante unha das últimas oportunidades de salvar as nosas rías, de volver a velas limpas e dando traballo e rendibilidade. Ou tomamos en serio o problema de saúde pública que supón telas como as temos, ou o que imos deixar as xeracións vindeiras vai ser miseria medioambiental e económica.

Serxio Domínguez Louro é o voceiro do BNG de Cee, ademais de candidato á alcaldía por este partido. Esta foi a súa intervención no Parlamento Europeo o día 22 de marzo.