Os nosos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

21 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

poucos centímetros desta columna escribimos sobre o traballo que fai a entidade Sementeira en Basilea, esa (case nosa) cidade tan fascinante e vigorosa na que dás tres pasos es estás en Alemaña, das dous e pasas a Francia, pero se te quedas quieto segues en Suíza. Temos aí a moitos veciños que marcharon recentemente a traballar construíndo edificios, como xa o facían seus pais nos 60 e nos 70, pero agora vén con menos medo e máis seguridade na cara. Pero Basilea, aberta e cosmopolita, cargada da historia que lle dá o Rin, non impacta por iso, senón por ter a un grupo de galegos que levan dende os 80 pelexando por manter a cultura galega. Ler, ver, escribir, cantar, bailar, moverse entre a historia e a literatura de Galicia. En Suíza hai aínda moitos centros, xa houbo ben máis, e xa sabemos que a maioría optaron pola vía gastronómica e, en varios casos, deportiva para manter os lazos. É certo que moitas veces o que máis queres é disfrutar cos amigos con cervexas, callos ou polbo e relaxar a cabeza. Pero tamén hai que aplaudir o traballo dos que, tan lonxe, empregan moitas horas en espallar e manter a poesía, a narrativa, a música, as artes todas de Galicia. Sempre me vén á cabeza o caso de Valente dando clases de francés aos emigrantes galegos en Xenebra, e de paso aprendendo algo máis. Aínda hoxe, case 50 anos despois, hai quen o valora. É moi difícil facelo. É difícil ata aquí! Pero miro a portada dese libro de Álvarez e Rivas con retratos dos nosos emigrantes basileanos e xa me dou por satisfeito: acceder a ollar, a contar coa súa mirada, non está ao alcance de calquera. Vese que houbo boa semente.