«Vou á praza por sardiñas, con un crédito de Abanca...»

La Voz

CARBALLO

MATALOBOS

A REGUEIFA DA SEMANA, POR LUPE BLANCO | O San Xoán, no punto de mira da coristanquesa: ¡Olla!

23 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Arrancamos coa regueifa,

a ver se arranca o verán,

hoxe toca asar sardiñas,

que é a noite do San Xoán.

Parabéns ós de Carballo,

por organizar o conto,

creo que co mes enteiro,

van ter festiña abondo.

É domingo de cachela,

que é sinal de pureza,

algúns con tanta cachela,

fixeron boa limpeza.

Levan meses traballando

con enxeño e elocuencia,

non hai nada que envidiarlle,

a esas fallas de Valencia.

Hai que organizalo todo,

que senón logo se atranca,

vou á praza por sardiñas,

con un crédito de Abanca.

O crédito hai que pedilo,

por iso está ben sabelo,

se non cho dan aprobado,

terás que comer xurelo.

A cachela ten sentido,

aínda que algún non o crea,

para ir ardendo no lume,

a trapallada do Ikea.

Despois de ben afumados,

e de ulir a sardiñas,

prepararemos a auga,

de fiúnchos e rosiñas.

Iso di a tradición,

que hai que botarlle rosiñas,

algún/ha podía botarlle,

uns toxos e máis espiñas.

Pois eu heino de facer,

con ghusto e «dio-lo queira»,

que toca purificarse,

tamén arredar das meighas.

A noite a ser bonita,

da Coruña ata Vigo,

para pasala ca familia

e tamén con bos amigos.

Eu aquí xa me despido,

que a regueifa ten bos modos,

como di Suso de Xornes,

¡Boas festas para todos!