No fío da escuridade

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

30 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días convulsos, moitas funerarias da Costa da Morte inciden en que os féretros deben ir pechados. A min sempre me pareceu o procedemento máis lóxico, non pola actual crise sanitaria, máis ben por sentido común. Sei, así mesmo, que moitas persoas son reticentes a estas medidas, quizais por descoñecemento e porque todos estes protocolos alteran os rituais dos falecementos. A morte é un paso tan trascendental como a vida mesma, por iso permítanme que me compadeza de todos aqueles que morren en cuartos de hospital, entre o trasfego de enfermeiros e médicos e sen a calor de familiares e amigos. Esta pandemia estanos privando do candor dun último bico cando a persoa que amamos nos deixa, estanos privando das mostras de afecto, da proximidade, envolvéndonos en máscaras de filtro e guantes de nitrilo. Prívanos das apertas de afecto cando alguén morre, sendo este un paso fundamental para que iniciar o proceso da dó. Os militares encárganse en Madrid do traslado dos féretros, pistas de xeo convértense en centros loxísticos improvisados para manter a dignidade dos corpos mentres as funerarias conseguen absorber toda a carga de traballo. É algo extraordinario que fala da magnitude e virulencia da enfermidade. As cabezas de mando que saen a comunicar novas, falan de frontes, dan cifras de mortes como cando na Segunda Guerra Mundial se publicaban as listas de caídos na trincheira. Supoño que todas as medidas son necesarias, algunhas quizais xa se deberían ter iniciado antes, pero non por iso son menos dolorosas. As cifras son persoas. A pandemia estanos cambiando paulatinamente as nosas vidas, avanza inexorablemente e a ameaza con facernos reflexionar sobre infinidade de aspectos.