Soíños

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O vento do Vilán viaxa alleo á pandemia do coronavirus. As ondas do mar de Soesto continúan persistentes golpeando os cons coma se nada sucedese coa traxedia que estamos a vivir os mortais por mor desta peste invisible que vai causando baixas de forma calada. Unha dor que se vive como agochada. Ausentes aos nosos males, as árbores vístense de verde e vanse adobiando coas mellores galas da primavera. Mágoa non poder mirar para elas e ir gozando do seu recendo polos camiños e carreiros. Estamos castigados de vez. Nesta ocasión pillounos ben pillados o infortunio. Considerabámonos donos do mundo, coma se os nosos días non fosen ter fin. Iamos ás présas a todas partes sen mirar para nós mesmos, alleos ao devir do noso entorno. Botabamos as mans ao ceo coma se o mundo estivese aos nosos pés. E agora, da noite para a mañá, pechados nas casas coma se un monstro fero andase polas rúas, as estradas e os carreiros degolando a quen ouse saír das vivendas. É unha boa ocasión para convertelas, máis ca nunca, en fogares auténticos, dos de verdade, traducir esta reclusión atafegante nunha oportunidade. Parece agora máis ca nunca certo aquel dito de Lacordaire de que a soidade é unha gran forza que preservarse de moitos perigos. O peor é o que viven os nosos maiores. Soíños por mor do illamento obrigado e por estar a salvo do contaxio. Moitos vanse no silencio, sen un agarimo, sen un adeus, desamparados, como cando viñeron ao mundo, en tempos de convulsos, de violencia e de necesidades. Caemos nunha trampa, pero temos que ser fortes para poder saír dela.