Fotografías de antano

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

06 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En Muíño, este ano non haberá unha celebración por todo o alto como se acostumaba. O día da santiña vivirase por mor do coronavirus con máis recollemento, unha festa de gardar ao uso, sen música nin baile. Hai unhas semanas, publicaron os veciños unha fotografía antiga dun día de festa en Santa Margarida. Calculo que sería a finais dos anos sesenta ou comezos dos setenta. As cabezas das mulleres maiores aínda estaban vestidas con panos enloitados e, aos pés dos comensais todos reunidos, estaban as famosas caixas de gaseosas Pitusa ou Feijóo, tan propias da época.

Todos eran veciños de Baíñas que, como bos romeiros, foran de festa. Recoñecín de inmediato a fotografía porque na miña casa hai unha instantánea case idéntica, deteriorada polo devalar do tempo, onde aínda se poden observar as facianas de felicidade de aquelas persoas. Urxe, dende o meu punto de vista, a creación próxima do Arquivo Fotográfico da parroquia de Baíñas. A finalidade de tal proxecto sería unicamente preservar o legado fotográfico que augura ser o relato testemuñal da nosa historia recente. Nas casas de todos habitan fotografías esquecidas, que xamais se divulgan e que adoitan perderse ao pasaren os anos. Atoparíanse fotografías de autores tan célebres como Caamaño ou Vidal que tanto fixeron pola Costa da Morte. Estou máis que segura que faltan moitas fotografías por saíren a luz. A nosa memoria colectiva reside nelas. Para participar nun arquivo non é preciso ceder fotos. Chega con sacarlle unha copia dixital e devolver o orixinal ao seu dono. Penso que pronto, cando se estabilice a situación actual, se materializará este proxecto coa solidariedade que sempre mostrou a nosa parroquia.