Soledad Vidal: «Algunhas facetas da vida róubanche a alma e a min pásame coa música»

Caterina Devesa / s. G. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A VIVA VOZ | A artista de Camelle une no seu novo proxecto a súas dúas paixóns: poesía e canto

14 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha muller de armas tomar. Ten as cousas claras e a valentía para perseguir os seus soños. Porque Soledad Vidal Devesa, afincada en Madrid e natural de Camelle, solicitou hai anos unha excedencia do seu posto de interventora na Administración Local, praza que logrou a base de moito esforzo e estudo, para seguir o que lle pedía o corazón. «É un tema recorrente porque a moita xente sorpréndelle que despois de sacar a oposición decidira dedicarme á música. A vida é unha soa e hai que aproveitala. Vivín esa experiencia que me aportou moitas cousas, fíxome crecer como persoa, pero quedábame esta parte por vivir e experimentar, e niso estou», explica.

De momento, non ten pensado volver axiña a un concello. «Non o plantexo nun horizonte próximo. A música é a miña vocación. Creo que en realidade o ser humano ten moitas facetas e pode facer moitas cousas, pero hai algunhas que che rouban a alma, que cando as fans sénteste mellor ser humano e a min pásame coa musica. A música une e interésame mais potenciar iso. Nestes tempos recoller ese espírito de unión sería moito máis construtivo na política», reflexiona a cantante, que se atopa de vacacións en Camelle (Camariñas).

A beleza dos versos galegos

A pandemia do coronavirus truncoulle algúns plans, pero lonxe de quedarse parada aproveitou para gravar os temas dun proxecto, que confesa, une as súas dúas grandes paixóns: a música e a poesía. «O programa prepareino co pianista Aurelio Viribay, que ten unha longa traxectoria. Aproveitamos o verán, que o Teatro da Escola de Canto de Madrid está máis libre, para gravar algunhas pezas. Queríamos dalgunha forma mostrar unha pequena parte de todo ese traballo». Un proxecto que a ilusiona especialmente. «Que compositores como Federico Mompou, García Leoz, Antón García Abril, Matilde Salvador, Cristóbal Halffter e moitos mais, compuxesen sobre poemas galegos de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Celso Emilio Ferreiro... é algo que me emociona. Son poemas marabillosos que con música para min traspasan todos os límites da beleza».

Os dez anos de estudo que leva sobre ás costas para conseguir o Grado Superior de Canto no conservatorio non lle pesan. «É unha carreira longa, pero disfrútase tanto que se fai curta. Son seis anos para o grao profesional e outros catro para o superior», apunta Sole, que tamén é licenciada en Dereito. Ademais, ten claro que para ser cantante lírica a materia prima non o é todo. «Hai que pulila tecnicamente, traballar, perfeccionarse, indagar moito nas personalidades expresivas que cada un ten, investigar, prepararte e escoitar a moitas persoas». No seu caso, gústalle investigar entre os distintos xéneros. «Hai moitos e ao final tratamos de abarcar os máximos posibles porque enriquécete». Entre os que xa interpretou en riba dun escenario están a zarzuela e as óperas. «Fai pouco que me chamaron para un singspiel, que é un xénero moi curioso que se dá en Alemaña. É o simil da nosa zarzuela. É unha parte cantada e outra falada teatralizada. O primeiro que escribiu Mozart chámase Bastián e Bastiana e tiña varias funcións desa peza, pero debido ao coronavirus tivéronse que suspender e esperemos que as de setembro se manteñan», explica Vidal.

Un xénero sen límites

Consciente de que a lírica non é música de grandes públicos, admite que hai certos circuítos nos que si ten cabida. «Somos posesores dunha riqueza cultural inmensa. E divulgalo é un deber que teñen as Administracións porque é a nosa riqueza e debemos coñecela. Moitos non é que non queiran disfrutala, é que non saben que existe», apunta a soprano, que defende que non é un estilo só de cancións profundas. «Están asociados á este tipo de música certos temas que se consideran transcendentais ou de certa profundidade intelectual, e non é así. A lírica toca todos os temas. Dende o amor, o desamor, no caso deste proxecto cos poemas galegos a emigración e o sentimento melancólico por marchar da terra, pero tamén hai temas divertidos, para rir. Por exemplo, Rosalía de Castro escribiu o poema de San Antonio Bendito no que di «San Antonio bendito, dádeme un home, anque me mate, anque me esfole. Meu Santo San Antonio, daime un homiño, anque o tamaño teña dun gran de millo». Temos asociada a Rosalía a ese sentimento melancólico permanente e de dor profunda, e de repente, que nos saque esta cousa tan marabillosa é unha delicia». Igual de marabilloso é escoitala a ela cantar.