Ethel Vázquez | Temos que ollar o futuro lembrando sempre de onde vimos

eTHEL vÁZQUEZ mOURELLE

CARBALLO

No disponible

PLUMAS CON MANDO | «Fixemos moito en tempos difíciles. E nos tempos difíciles que veñen seguiremos a facer o posible para achegar as oportunidades da Galicia urbana ata a Galicia rural da Costa da Morte», escribe a pontecesá

20 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño para min que medrar entre as paisaxes da Costa da Morte imprime carácter e marca un xeito de estar no mundo. Pero estou aínda máis convencida de que esa orixe é determinante á hora de afrontar as miñas responsabilidades como conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Nun país como o noso, afeito a agardar décadas polas infraestruturas, a espera é aínda máis longa cando vives no rural.

Os que nos criamos afastados das cidades temos a sorte de coñecer a mellor Galicia, sen dúbida. Pero tamén sabemos que a diferenza entre ter ou non ter boas estradas e autobuses é a diferenza entre ter ou non ter facilidades para acceder ás mesmas oportunidades ca outros. Os investimentos definen os niveis de calidade de vida, de competitividade e de atractivo turístico.

Responsabilidades

Cando asumimos responsabilidades públicas é importante ter presente de onde vimos. Eu teño moi presente a lembranza do meu pai, primeiro alcalde democrático de Ponteceso, como un home entregado ao servizo dos seus veciños, que acudían á nosa casa na procura de axuda ante todo tipo de problemas.

Son imborrables os meus recordos da vida na natureza, coa praia de Valarés a un tiro de pedra, percorrendo a comarca con mestres como Toñi e Xerardo, que sacrificaban as súas fins de semana para levarnos aos xogos escolares.

A satisfacción que produce pór ao servizo dos cidadáns infraestruturas e servizos que melloran o día a día medra exponencialmente cando eses cidadáns son a túa xente. Gardo entre os mellores momentos da miña carreira profesional a rehabilitación das casas dos mestres de Ponteceso, nas que pasei varios anos, a apertura da rotonda de Valarés e, por suposto, a Autovía entre Carballo e Baio.

Oportunidades

Fixemos moito en tempos difíciles. E nos tempos difíciles que veñen seguiremos a facer o posible para achegar as oportunidades da Galicia urbana ata a Galicia rural da Costa da Morte.

Farémolo levando o autobús onde antes non chegaba. Seguirá a guiarnos a mesma vontade que fixo posible pór en servizo, en plena crise económica, os 27 quilómetros libres de peaxe da Autovía que hoxe vertebra parte da Costa da Morte e que aspira a completala. A que nos levou a desenvolver un plan de sendas de Bergantiños e mellorar as infraestruturas hidráulicas. A que nos levou a incluír o proxecto da Variante de Carballo no plan de reactivación económica tras a pandemia.

Asumo os retos con responsabilidade e o desexo sincero de estar á altura do que a miña terra merece. Ollando o futuro lembrando sempre de onde veño.

Ethel Vázquez é conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.