«Queremos que o deportista compita nas mellores condicións posibles»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Leva 25 anos dedicado ao piragüismo, a metade deles en Dumbría

28 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Henrique Rodríguez Portela, coñecido no eido deportivo como Quique Portela (Tomiño, 1971) é un recoñecido adestrador nacional de piragüismo, e iso que empezou relativamente tarde. Pero, con todo, leva media vida (25 anos) neste mundo, especialmente no club de Dumbría, xa cunha ducia de temporadas. Aí é todo: presidente, entrenador, director técnico, condutor da furgoneta... Polo clube xa pasaron máis de medio milleiros de rapaces neste tempo, dende Ponteceso ata Mazaricos (municipio do que é a súa muller, por certo, residentes ambos en Corcubión), aínda que a maioría sexan de Dumbría, e o Xallas e o elemento identificativo.

Mellorando cada día, tamén se foi formando cos anos, e fixo un posgrao en Psicoloxía Deportiva

na Universidade de Santiago, asesorado por recoñecidos psicólogos e profesores universitarios que traballan no eido deportivo. Non fai falta, porque é evidente, pero deixa moi claro que a súa especialización non entra na psicoloxía clínica, reservada aos psicólogos con esa titulación, senón que o seu traballo está enfocado a que o deportista compita ben: «Queremos que compita nas mellores condicións posibles», algo que non sempre é posible xa que en ocasións están condicionados -explica- por temas de ansiedade, pensamentos negativos ou crenzas. Cando ve que o tema transcende, xa deriva a esas persoas cara os profesionais clínicos, explicaba onte dende Mondariz, a onde acudiu a un campionato.

-Ten aplicado eses coñecementos no día a día?

-Hai dúas cuestións. No piragüismo non tanto, porque non é a miña función. Aí son o director, a miña misión é dirixir aos rapaces nas competicións, non axudar a que atopen o seu camiño. Pero a segunda é que, a maiores, si teño feito traballos con deportistas doutras disciplinas, dende rallis a baloncesto, de voleibol a fútbol, por exemplo, e foi tamén unha oportunidade de vivir eses deportes dende dentro. E axiña se ven os resultados. Non sempre é doado, porque este traballo require tempo, dedicacións semanais, e a miúdo non se pode porque os rapaces teñen que adestrar.

-Pero si que está tendo efectividade práctica.

-Si, porque sempre aparece alguén que me pide axuda. E por algún ao que axudas logo aparece outro... A min gustaríame que xurdise algo na comarca deste tipo para poder botar unha man. Sei de deportistas fantásticos [non vou dar datos] que eran moi bos no club, pero chegaban aos campionatos finais e non rendían igual. Algo pasaba aí. Foi cando empecei a buscar. E dei con profesores moi bos, como Manuel Isorna, Tino Arce, Julio Torrado...

-Nótase a influencia do covid no deporte, dende ese punto de vista?

-Todos o notamos. Valo vendo con algúns rapaces, que padecen o chamado síndrome da cabaña, que non queren saír da casa. Tamén se dan casos de ansiedade, de quen renunciou a todo polo deporte e de súpeto non hai competición. Ou desconexión. Ou desmotivación, como os que din que adestrar xa non vale para nada. Ou frustración... Uns e outros necesitarán apoio dun psicólogo deportivo, ou dun asesor, para que os resultados cheguen. Porque estes chegan cando se xuntan tres elementos: o traballo, o talento e a cabeza, e hai que darlle importancia a todos.

-No tema de piragüismo, vostede empezou case de casualidade.

-Máis que de casualidade, tarde, por amizades, e por afección. Pero entre unha cousa e outra acabei indo coa selección española a campionatos do mundo e de Europa. Vaste preparando: que se árbitro, que se monitor, que se técnico nacional, e chegas ata aquí. Tamén teño a sorte de estar nun concello como Dumbría, que apoia este deporte, que ten a rapaces de toda a comarca. E nestes anos temos participados e logrado campionatos e subcampionatos de España en modalidades olímpicas, temos mandado deportistas aos mundiais coa selección española, e temos rapaces que conseguiron traballo grazas ao piragüismo, dende un que está en Francia en competicións de augas bravas a outros que están en turismo activo.

-Falando de augas bravas, o canal segue pendente.

-Si, falta que a Secretaría Xeral dea o paso e o autorice, e en seis meses podíamos ter xente de toda Europa entrenando aquí.

-É un deporte seguro co covid?

-Para o comité olímpico italiano, somos o deporte con menos risco de covid: barcos e competicións individuais, non hai contacto físico, e nun medio como a auga que lava constantemente.