Nova publicación, con imaxes en 3D, arredor do ceense Domingo Antonio de Andrade

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O Consorcio de Santiago e o Museo do Pobo Galego veñen de promover a obra titulada Andrade en Bonaval, presentada onte

16 ene 2021 . Actualizado a las 01:16 h.

O Consorcio de Santiago e o Museo do Pobo Galego veñen de promover a publicación de Andrade en Bonaval, un libro con imaxes en 3D do fotógrafo Juan Feáns e texto introdutorio de María Xosé Fernández Cerviño. Esta obra, que chega con motivo da conmemoración do Día das Artes Galegas 2020, dedicado ao arquitecto ceense Domingo Antonio de Andrade (1639-1712), presentouse onte mesmo e sería, en resumo, unha selección de fotografías en tres dimensións da obra deste creador no edificio de Santo Domingos de Bonaval, que acolle o Museo do Pobo Galego.

Andrade en Bonaval pretende contribuír á divulgación dos aspectos máis destacados da intervención do ceense nese edificio. A vinculación de Andrade co convento de Santo Domingos veu da man do frade dominico Antonio de Monroi e Híjar, arcebispo de Santiago entre 1685 e 1715, quen lle encarga a grande obra de remodelación de Bonaval, xunto coa ampliación do recinto conventual, creando a imaxe do edificio que chega ata os nosos días, segundo explicou a propia María Xosé Fernández. A obra pretende asemade poñer en valor a obra do arquitecto barroco máis importante da súa época: ademais desas fotografías en 3D, con gafas incluídas para poder contemplalas, incorpora as mesmas imaxes en formato bidimensional, planos do edificio, debuxos de diferentes elementos arquitectónicos creados por Andrade, así como citas de varios autores en relación a cada unha das obras fotografadas. Aínda que é en Santiago onde o arquitecto realizou unha parte clave da súa obra, o seu legado quedou espallado por toda Galicia. Á presentación de onte acudiron, entre outros, o autor; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo; e o presidente do Padroado do Museo do Pobo, Xusto Beramendi.