O precioso mundo da maternidade

tamara lema

CARBALLO

Ana García

En primeira persoa, escribe Tamara Lema: Máis ca nunca é importante coidar o noso benestar. Por nós, por o meniño que levamos e medra cada día. Recuperemos a capacidade de tomar conciencia do presente

17 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días preguntábanme e mostraban interese por saber como era levar o embarazo no actual contexto de pandemia. Supoño que como á maioría da poboación, embarazada ou non, todas e todos botamos moito de menos aspectos da anterior realidade, sobre todo o social, familiar ou comunitario.

As mulleres que desexamos ser mamás dámonos conta que o momento no que recibes a nova dun embarazo é moi especial. Momentos únicos, que non se esquecen. Felicidade nerviosa. Recordo eses comezos con certa ansiedade. Recibes múltiples recomendacións que sempre se dan a todas as embarazadas, e máis neste caso sendo por primeira vez.

A responsabilidade comeza a medrar e o cambio de vida de ser nai comeza a ser unha realidade. E a todo isto, súmanse as medidas importantes a ter en conta polo virus. Demasiada información e insistes na teima de querer ter todo controlado. A confrontación de como esperabas vivilo e como toca vivilo. Agora, pasando o ecuador, atópome moito máis tranquila e segura. É un camiño especial cheo de sensacións diferentes. Un novo encontro contigo mesma. O milagre de dar vida.

Neste tempo, pese a todas as restricións que dificultan o proceso, valorei máis ca nunca a importancia que ten a comunicación entre mulleres para compartir inquedanzas, experiencias ou emocións. Deixemos de lado moitos tópicos e idealizacións que pouco teñen que ver coa realidade. Non somos ideais. Somos moito máis ca iso.

Valorei unha vez máis a nosa sanidade pública. Neste momento moito máis cauta e restrinxida. Por exemplo, as mulleres acudimos soas ás probas e seguimento pertinente para maior seguridade. Tamén se restrinxen as preparacións ao parto que servían de comunicación necesaria entre mamás. Comprendo que é necesario e o fan polo noso ben. Temos moita sorte de contar con grandes profesionais que poñen todo o coñecemento e servizo ao noso benestar e ao do noso bebé. Todo agradecemento é pouco.

Tamén me reafirmei na importancia da familia. Aceptar que os abrazos aos que estás acostumada e que desexas dar por este momento terán que esperar. Canto se bota de menos o seu agarimo, afecto e proximidade. Aínda así, chegan as súas bonitas palabras por teléfono, outras soamente voz entrecortada en días sinalados nos que os costumes eran ben diferentes ou a curiosidade da miña afillada coas súas preguntas nos seus audios. E cando falo de familia tamén me refiro a eses veciños da aldea de toda a vida. Gustaríame estar compartindo con eles estes momentos tan especiais. Que dicir das amigas? Menudo tesouro que son! Ilusionadas e esforzadas en facer chegar o seu benquerer de xeitos alternativos e que nunca esquecerei. Desexo de volver velas…

Mais as recomendacións aconsellan distancia, responsabilidade, illamento no fogar e limitar todo o aspecto social presencial…. É doado? Pois non. Podemos facer outra cousa? Tampouco. Non podemos manexar todos os escenarios, mais podemos manexar o máis íntimo. Desfrutemos deste último. Este si que é noso. Máis ca nunca é importante coidar o noso benestar. Por nós, polo meniño que levamos e medra cada día. Recuperemos a capacidade de tomar conciencia do presente. Un momento ideal para que escollamos plataformas emocionais de seguridade con nós mesmas, curiosidade pola nova etapa que estamos a vivir, admiración polo bonito que é dar vida, seguridade en que todo vai saír ben e alegría compartida coa parella por este proceso desexado.

Ademais, hoxe xa se evidenciou cientificamente o que as bisavoas xa sabían e é que os bebés se vinculan emocionalmente coas mamás, polo menos, dende o último trimestre do embarazo. Coidemos máis que nunca o que sentimos.

Estas palabras van con cariño para todas as mamás que nesta pandemia están descubrindo ou xa descubriron o precioso mundo da maternidade.

Uns apuntes biográficos

Tamara Lema. Nacida na parroquia cabanesa de Canduas en 1989, é mestra de Audición e Linguaxe, e dá clases no CPI de Zas. Foi patroa e secretaria da Fundación Eduardo Pondal, e imaxe de Rosalía de Castro en multitude de representacións culturais. De feito, a vea artística é moi importante na súa vida, tanto en teatro como en representacións históricas e etnográficas, na que tamén exerceu como conta contos. Presentou e animou un gran número de actos, case sempre relacionados con Pondal, O Couto ou Cabana.