Xosé Regueira: «O turismo hai que capitalizalo»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Regueira é tamén edil de Promoción Económica e Turismo en Carballo
Regueira é tamén edil de Promoción Económica e Turismo en Carballo BASILIO BELLO

TURISMO A TODA COSTA | A Deputación anunciou case un millón para mellorar a competitividade do sector. Fala o seu vicepresidente e deputado responsable de Turismo 

19 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case un millón en axudas para mellorar a calidade do sector turístico anuncia a Deputación, que centra esforzos na promoción da provincia, sobre todo logo do impacto do covid. Fala Xosé Regueira Varela (1967), vicepresidente do ente provincial e responsable da área de Turismo.

-A estratexia provincial fixa no turismo unha das súas prioridades.

-Si. Mañá mesmo [por hoxe] temos unha entrevista telemática coas xerencias dos xeodestinos, para ver como prevén a planificación neste 2021. Nun momento tan complexo, non podemos deixar de financiar a mellora de calidade e competitividade, porque se isto se relaxa un pouco [o covid], van ser fundamentais para sobrevivir. Sería un suicidio deixar de apoiar o sector e os axentes de xestión do turismo. Máis ca nunca é un ano no que fai falta planificar, buscar medidas imaxinativas para responder ao pouco ou moito turismo que haxa. Vanlles facer falta todos os recursos que se lle poidan achegar, e veremos de poder engadir algo máis.

-A pandemia obrigou a cambiar de iniciativa turística? Promocionar máis un turismo de proximidade?

-Nós mantemos unha colaboración estreita con Turismo de Galicia: a pesar das diferenzas políticas, a relación é fluída, buscando complementarnos. A Deputación non é unha Administración con competencias en turismo, témolas delegadas, en todo caso, pero o primeiro ámbito da nosa estratexia foi sempre o turismo de proximidade. O noso target está nos visitantes das outras provincias galegas que poidan achegarse á Coruña, así como de Madrid e de Oporto para arriba. Centramos ademais a estratexia nese máis de medio cento de fins de semana que hai no ano, e nas pontes. Intentamos vender territorio, con seis xeodestinos complementarios. Apostamos por produto que cremos competitivo e que vai máis alá do escaparate principal de Turismo de Galicia. Dedicaremos esforzos este ano ao Camiño Inglés e ao de Fisterra-Muxía. Procuraremos ademais que aquela xente que aproveitando o Xacobeo visite Galicia se achegue a territorios tan espectaculares como Ortegal ou o propio entorno rupestre de Santiago. Que non se vaian sen coñecer Barbanza, a Costa da Morte, Ferrolterra...

-Como vai a campaña “956 quilómetros de costa e un camiño infinito dan para moito”?

-Estamos gratamente sorprendidos. O dato dos quilómetros de costa dá proba da cantidade de paraxes que se poden atopar na provincia. Buscabamos, por un lado, esa idea de amplitude que dese a seguridade que require a pandemia e, doutro, amplificar destino, que non se considerase só a provincia como Compostela, epicentro do Xacobeo. A Coruña como territorio garda auténticas xoias, en turismo urbano e rural, así que a nosa idea é que a xente non se achegue a Galicia e á Coruña só para facer o Camiño, senón para quedarse algo máis.

-Están a incidir no patrimonio: Forno do Forte, Castro da Croa...

-Temos máis patrimonio do que podemos atender, desgraciadamente. Na Costa da Morte estamos traballando en poñer a andar o Parque do Megalitismo; actualizaremos a parte expositiva de Dombate, a das Torres do Allo, castelo e Batáns... Queremos colaborar para recuperar a Croa do Castro, temos o proxecto do patrimonio inmaterial do Anllóns... En Barbanza temos un proxecto da Idade de Ferro para iniciarse; en Compostela está Compostela Rupestre co plan director en licitación... Estamos co proxecto Xeoparque do Ortegal... Cando falamos de patrimonio non só falamos do cultural. Centramos tamén esforzos no deportivo [o potencial en surf da Costa da Morte], na paisaxe ou en consolidar un sector gastronómico.

-Os concellos teñen que traballar máis a posta en valor turística?

-O reto no que insistimos é que os concellos, ademais de falar de turismo, crean no turismo. Hainos con potencialidade, pero sen partida orzamentaria para el, sen unha oficina atendida de xeito profesional ou sen persoal propio. Vaise intentando sacar cabeza, pero seguen sendo altamente dependentes das achegas doutras Administracións. Se un concello se considera con capacidade turística, ha de demostralo na xestión. Carballo vén de orzamentar en turismo máis de 100.000 euros. O turismo hai que capitalizalo. O turismo é economía. Non vale de nada vender fotos bonitas, e que chegue un montón de xente para fotografar eses lugares bonitos, se logo non deixan un euro no territorio. Temos que xerar un retorno económico e empregos de calidade.

-Demandaba hai tempo un plan de rescate urxente do turismo.

-Sen dúbida. Hostalaría, que é unha boa parte do sector, hoteis, axencias de viaxe, balnearios... están sufrindo a crise. En Galicia está aínda pendente de facer un plan de rescate serio. De nada serve unha gran inversión en promoción se logo o sector chega moi debilitado. De nada serviría o Xacobeo cun 20 % dos negocios pechados por non resistir. Galicia está en disposición de achegarlle a ese plan de rescate como mínimo máis de cen millóns anuais, e sen apelar a outras Administracións que non teñen diñeiro. A Xunta recibiu recursos do Estado e deben servir para rescatar ao sector turístico en xeral, incluíndo nel tamén ao comercio.