A presentación do Roteiro Literario Enrique Labarta Pose converteuse nun clamor polo recoñecemento do autor baiés
13 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«Consigamos ou non un Día das Letras Galegas para Labarta Pose, o importante é descubrir unha figura importante da cultura galega», afirmou o alcalde de Zas, Manuel Muíño, no «impresionante» acto de presentación do Roteiro Literario Enrique Labarta Pose na Costa da Morte, elaborado por Tania Carreira e impulsado polo Consello da Cultura Galega e o Concello. No centro sociocultural de Baio estaban representadas as entidades do municipio para darlle o seu apoio a esta iniciativa.
Tania Carreira, que explicou o itinerario, foi mantedora do encontro. O escritor e xornalista Manuel Gago, situou a importancia do percorrido, incluído agora entre os outros 21 do Consello da Cultura Galega. Con estes vieiros, esta institución persegue «facer comprensible a obra dos escritores» por medio do territorio que lles serviu de base. Son lugares que están fóra dos circuítos turísticos habituais. Trátase de abrir novos camiños. Loou o traballo do Concello de Zas e de Tania Carreira, quen contou que a ruta ten 250 quilómetros, para facer en dúas xornadas.
A partires dese intre, as intervencións tiveron centráronse na reivindicación dun Día das Letras Galegas para Labarta Pose. O físico Jorge Mira, presidente da comisión que traballa pola homenaxe da Real Academia Galega para o escritor baiés, contou a historia desta loita, dende 1998. Fixo patente a necesidade de recuperar o valor do xornalista, poeta e «primeiro narrador da Costa da Morte». Unha figura popular que xa hai máis dun século facía referencia nas súas obras á defensa dos animais e reivindicaba a igualdade para as mulleres.
Os agradecementos foron múltiples e reiterados na hora que durou o acto, incluídos os da presenza da alcaldesa de Vimianzo.
Ricardo García Mira, presidente da entidade Xoán Vicente Viqueira, lembrou o acordo do Congreso de Deputados de apoio á obra de Enrique Labarta e Eduardo Pondal e afirmou que reavivar a figura do autor de Baio é «recuperar unha referencia cultural dentro do territorio».
A Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, xogou de nena en Pontevedra nunha rúa coa placa do poeta soneirán. Quedou impresionada polo acto de onte e anunciou que «levará o recado» á Real Academia para que o escritor teña un Día das Letras Galegas.
Itinerario, parada a parada
- Centro sociocultural de Baio
- Casa natal de Labarta Pose
- Praza de Enrique Labarta Pose
- Igrexa de Santa María de Baio
- Monte Castelo
- Igrexa de Bamiro
- Batáns e muíños do Mosquetín
- Capela do Carme do Briño
- Camelle
- Faro de Cabo Vilán
- A Ponte do Porto
- Cereixo
- Santuario da Barca de Muxía
- Corcubión
- Igrexa de Baíñas
- Brandomil
- Pazo das Edreiras
- Zas
- Pico de Meda
- San Cremenzo de Pazos
- Igrexa de Traba
- San Lourenzo de Berdillo