O abuso do uso da megafonía na praia de Razo

Borja González Seoane CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

09 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A nivel persoal, penso que un sistema de megafonía non é nin moito menos imprescindible nunha praia. De feito, como visitante habitual de diversos areais da Costa da Morte non se me ocorren moitos que dispoñan do mesmo, ca excepción de Razo. O auxe de leis e ordenanzas contra a contaminación acústica nestes espazos, vetando moi acertadamente o uso particular de altofalantes e equipos de música, tampouco parece congruente coas continuas estridencias dos megáfonos do litoral carballés.

Non obstante, e como é habitual, na mesura podería agocharse a virtude. Aínda que se admita a utilidade de certos avisos por parte do servizo de salvamento, especialmente aqueles que impliquen urxencia ou particular transcendencia, cousa ben distinta é insistir ao longo de todo o día con anuncios fútiles e esaxeradamente numerosos. Nese escenario, o que se pretende coma un servizo de proveito público remata por ser unha molestia tanto para bañistas coma para veciños.

Actualmente ás notificacións de apertura e peche do servizo de salvamento súmanselle non poucas notas informativas acerca da bandeira que ondea nese momento, e un sen fin de rogos un tanto paternalistas e superfluos: que se bañe un «nas zonas de baño debidamente habilitadas», que se use protector solar, que se beba auga, que se manteña «a calma en caso de perigo»... De verdade son necesarias estas exhortacións a cada rato? Quen non as queira respectar, non as vai respectar por moito que se reiteren de viva voz. E por se fose pouco, os días de maior afluencia rematan o repertorio as chamadas aos propietarios de vehículos mal estacionados, completamente fóra de lugar nunha praia.

Todas e cada unha destas interrupcións desmelloran a experiencia dun día no areal de Razo e a súa periferia. Rompen a calma de despois de comer, o rumor dos rapaces xogando á tarde e o son pausado do mar de cara á noitiña, inundando un espazo natural con ruídos sintéticos máis propios dun centro comercial. Así pois, opino que procedería unha revisión do contido, do volume e, sobre todo, da frecuencia destas mensaxes, en busca dunha mellor convivencia de todos e do goce dun espazo tan idílico, que compre protexer tamén da contaminación acústica de carácter oficial.