Árbores, si

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

José Manuel Casal

02 dic 2022 . Actualizado a las 08:55 h.

Volvín ler o outro día a historia que contara Saramago cando lera o discurso do Nobel, emocionado ao lembrar ao seu avó, que cando soubo que a morte estaba cerca, despediuse das figueiras da súa finca dándolles unha aperta. Tamén Otero Pedrayo lle quería moito a un pinsapo que tiña na casa; tanto, que a caixa del e da súa dona foi precisamente coa súa madeira. Sen tanta fama, sei de xente que lle tiña especial aprecio a certos castiñeiros e carballos, sobre todo mentres medraban a canda eles. Aínda lembro o inmenso desgusto dun rapaz que agora ten 50 anos cando, por erro, lle cortaron o castiñeiro que el plantara na horta. Chorara como se lle morrera un can, case. Ou sen case.

Pero igual que sei destas historias sei de moitas máis de xente absolutamente desleigada das árbores. Que talan un carballo centenario coa mesma ledicia coa que se parte un queixo. Que aproveitan as novas leis para limpar todo canto hai na beira da estrada e moito máis, sexa o que sexa. Árbores, si. Isto vale coa coma, e sen ela: si aos árbores; pero, tamén, si unha vez máis a falar deles. A mantelos, plantalos, conservalos, facerlle ver aos escépticos das súas bondades. A eses que tolean cando unha póla lle tapa un centímetro de ventá: hai que chamar xa aos bombeiros, non vaia ser. Aos que cren que unha maceta e 50 flores, por moi bonitas que sexan, fan o mesmo efecto que un bo tronco. As que pensan que se acaba o mundo cando chega o outono e as follas secas teñen o costume de caer, ollo non esvares. Aos que din que xa hai árbores abondas no monte para ter que meter máis na cidade. Aos que as rexeitan nos aparcamentos. Si, vós: respirade mellor.