Moito que reclamar

Adolfo López Baña TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

03 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A condición de cidadanía é o estatus conformado polo acceso aos recursos básicos para o exercicio de dereitos e deberes das persoas. A falta de accesibilidade a certos espazos, equipamentos ou servizos, públicos ou privados, pode derivar na limitación de liberdades fundamentais e dereitos civís, como o dereito á educación, á cultura, á vivenda, ao aloxamento, ás actividades recreativas e deportivas, etcétera.

Apostar por un entorno accesible é apostar por unha mellor calidade de vida, na medida que os equipamentos, servizos e espazos son máis cómodos, máis seguros e máis fáciles de usar por toda a poboación e, polo tanto, promoven a autonomía das persoas.

Espazos de convivencia

É preciso que os espazos de calquera concello se conciban, estruturen e xestionen como espazos para a convivencia humana en todas as súas dimensións. E é preciso, por tanto, comprender que, máis aló de ser un cruce entre rúas, espazos residuais, áreas comerciais e industriais, infraestruturas urbanas e núcleos rurais, o municipio é a suma de todos os contornos ou espazos públicos, todos os servizos públicos municipais, e todos os produtos ou equipamentos a disposición de todos os cidadáns.

Eliminación de barreiras

Os servizos desenvolvidos nos edificios municipais, o comercio, o transporte, as vías e espazos públicos deberán de estar ao alcance de todos, e polo tanto deben de eliminarse barreiras físicas e sociais, dificultades nas comunicacións e impedimentos de calquera natureza que impidan o acceso regular e normalizado e o disfrute dos mesmos, garantindo a igualdade de oportunidades.

O día 3 de maio do ano 2008 entraron en vigor os acordos adoptados pola Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, así como o seu Protocolo Facultativo.

Este importante instrumento xurídico internacional, xurdido da Organización das Nacións Unidas, instaura unha nova concepción da discapacidade centrada nos dereitos humanos e na persoa con discapacidade como titular irrenunciable de dereitos.

Por todo iso, non entendo que se sigan concedendo licencias de apertura de novos negocios sen aplicar nelas as Leis.

Así que, con isto, non hai nada que celebrar! E si moito que reclamar!