A figura de Mourelle de la Rúa cobra nova vida en Corme

X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Presentada no Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte a edición en galego do libro de Amancio Landín Carrasco

05 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Corme viviu unha xornada especial o sábado pola tarde coa presentación do libro Mourelle de la Rúa. Explorador do Pacífico, unha tradución ao galego do libro orixinal de Amancio Landín Carrasco que promoveu a asociación Insua de Viastela co financiamento do Concello e a edición da Deputación da Coruña. Foi unha especie de homenaxe ao almirante descubridor nado na vila cormelá en 1750 e que a pandemia do covid-19 obrigou a aprazar, pois no 2020 cumpriríase o segundo centenario do seu pasamento.

A secretaria da Insua da Viastela, María Suárez González, foi quen presentou a mesa de participantes, formada por Amancio Landín Jaraiz, fillo do autor da biografía traducida; Alfredo Conde, responsable do prólogo; Xosé Manuel Varela, tradutor do texto; Suso Lista, presidente da entidade promotora, e o alcalde, Xosé Lois García Carballido. María Suárez fixo un detallado repaso pola actividade que desenvolveu o colectivo pola memoria de Francisco Antonio Mourelle.

Landín aludiu ao dito polo almirante Manuel Otero para falar do traballo feito polo seu pai para recuperar a figura de Mourelle, que con 13 anos deixou Corme para navegar a meirande parte da súa vida, chegou máis ao norte do Pacífico ca ninguén no seu tempo, descubriu novas illas e foi o inventor da derrota entre Manila e Cantón (China). Conde, que tamén foi mariño, loou a figura de Mourelle e o traballo de Landín Carrasco e dos que contribuíron ao labor de divulgalo. Suso Lista destacou que o almirante cormelán foi unha referencia para outros navegantes, mentres que Xosé Manuel Varela aconsellou empezar o libro polos diarios do navegante e continuar o traballo de promoción editando un cómic. Polo seu lado, o alcalde, García Carballido, falou, entre outras, da posibilidade de que o cadro do almirante poida verse no museo de Corme.