Adro conmemora os seus primeiros 40 anos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Será este sábado, nun acto no que non faltarán as homenaxes, o teatro e, por suposto, a música

08 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non será aos 40, senón aos 42 cando a entidade baiesa Adro conmemore os seus primeiros catro decenios de vida. Tocaba en 2020, pero o tributo foi aprazado, como o de tantas outras efemérides, polos efectos da pandemia.

Ricardo Vigueret, primeiro dos catorce presidentes que durante estes anos levaron as rendas da asociación, lembraba entón para La Voz como naceu a idea de Adro: «Queriamos facer algo para dinamizar a vida cultural da localidade. Houbera algún antecedente, sobre todo co finado Pepe de Valiña, pero nada que estivese oficialmente constituído, así que de aí saíu: dunha charla de bar», rememoraba Vigueret.

E vaia se dinamizaron! Proxeccións de cine, concursos, actos de todo tipo, unha revista, grupos e clases de música tradicional, a recuperación da Festa da Carballeira ou unha sección teatral que hoxe en día xa ten un nome por si mesma —Badius— foron algunhas das iniciativas impulsadas ao longo destes 42 anos de actividade só interrompida pola crise sanitaria.

Esa agardada homenaxe chegará o sábado, cunha xornada de festa que terá o seu epicentro na Praza Jorge Mira Pérez de Baio. O acto conmemorativo será ás oito e media da tarde e nel farase un repaso pola historia da entidade, unha homenaxe aos expresidentes (agora está Fran Gavín á cabeza), teatralización, música en vivo, exposición fotográfica e pinchos.

Ás nove e media dará comezo unha foliada con grupos da propia asociación, así como doutras da comarca, que acudirán como convidadas. Ademais, haberá taberna, queimada e sorteos.