Árbores soas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Ana Garcia

24 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai árbores solitarias que por si mesmas parecen bosques, enchendo o baleiro do redor, por moi grande que este poida ser. Creo que a máis famosa da nosa comarca debe de ser unha que xa morreu hai 80 anos, moi documentada por Luis Lamela e que de vez en cando aparece nas redes sociais: o pino de Corcubión e que foi motivo de inspiración para poetas e publicacións. Creo que nunca tanto deu de si un pino, como non sexan aqueles que estaban todos xuntos, rumorosos, cando Pondal os ollaba.

Como temos moita xente que lle gusta tanto talar as árbores de todos os tipos, que aproveita leis de incendios para acabar con todo o que se move (co vento) con independencia do seu perigo, cada vez que vexo que resisten esas solitarias, grandes e vellas, penso no valor que lle tivo que botar quen o decidiu así, seguramente escoitando mensaxes de incomprensión de familiares e veciños. Para que vale, por que o queres?, dirían. Ese que hai na Feira de Berdillo, en Artes, na beira da estrada. Na Bugalleira. Na recta de Olveira, preto da igrexa. Antes de Meanos, na vía que vai de Zas. En fincas privadas. Esa de Denellón, no medio da herba, agora, e do millo, dende maio. No parado ao lado da ermida de Muíño, en Zas. O carballo do centro de Brandoñas, o de Cereixo, por suposto o de Vilar de Francos. Pero eses teñen forza de veciños, o difícil é mantelo en leiras e fincas particulares. Saíndo de Cances cara Leiloio, á esquerda. Entre Castenda e Trazo, os mellores: dous pinos no medio da agra, e no alto, que parecen una parella collida da man, do máis fermoso que temos na volta.

Que sensibilidade lles deu vida case eterna?