Falar e signar ao mesmo tempo: a obra pioneira de A Trastenda dos Contos

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

A compañía coruñesa estreará «É meu amigo!», para público infantil, este mércores en Carballo, baixo o paraugas do FIOT e da súa sección Fiotiño 

10 oct 2023 . Actualizado a las 19:13 h.

«¿Como pode unha persoa contar un conto coas mans?» É unha pregunta que sobre o escenario, na obra É meu amigo!, se fai Gema Santos. Pode, si, e é sumamente visual e intuitivo. A compañía coruñesa A Trastenda dos Contos, con Gema e Caxoto enriba do escenario, e con Marta Iglesias na dirección escénica, vén de artellar a que posiblemente sexa a primeira proposta teatral en Galicia na que lingua oral e lingua de signos están plenamente integradas, ao 50 %, sen prevalecer unha sobre a outra. Así pois, falan e signan ao mesmo tempo, os dous. É meu amigo! estrearase este mércores 11 de outubro, ás 18.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, unha proposta incluída na sección Fiotiño, o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) para os máis pequenos. Un espectáculo inclusivo, pero que dá un paso máis alá da mera tradución aos signos que pode ser habitual xa noutras pezas teatrais, e que mesmo A Trastenda dos Contos explorou cun primeiro espectáculo no 2016.

ANA GARCIA

«É meu amigo! pon no centro a lingua de signos, unha lingua minorizada. É importante que na cultura se lle dea valor, é outra lingua máis, e o espectáculo gana moito. Non é só a visibilización, senón a maior xestualidade, outorga riqueza», apuntou Gema Santos. «Admirable» é como definiu Iglesias esta idea de A Trastenda, que vén dende hai dous anos e que frutifica logo de meses de residencia artística en Carballo. «Foi unha saída da zona de confort, poñéndose un no lugar do outro». No caso de Caxoto, que viña da narración oral, internarse por completo na lingua de signos: «É moi intuitiva e entendible, asimilable, é case coma un xogo. Recoméndollo a todo o mundo», responde mentres coas mans representa unha tartaruga: «Que outra cousa podería ser isto senón unha tartaruga?», ri. Signar «engancha», concordou Gema na presentación aos medios.

Presentación do espectáculo en rolda de prensa
Presentación do espectáculo en rolda de prensa ANA GARCIA

Expresar «ao grande»: velaí o fin deste «traballadiño espectáculo» que afianza a vontade do FIOT de «poñer en escena novas estratexias de comunicación», como afirmou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, desexándolle o maior percorrido á función. Amizade, traumas, fraxilidade, medos, xestión emocional... diso vai É meu amigo!