Como concelleiro electo de Laxe, o 17 de xuño recibín a chamada do alcalde para reunirmos con motivo do plan para manter a orde no tráfico rodado. Era un primeiro paso para darlle certa cordura ó caos que reina no noso casco urbano, especialmente no verán. Despois de varios intentos fracasados no pasado, o órdago da coalición que represento no Concello, convocando unha concentración motorizada a modo de protesta que colapsou as entradas de Laxe, produciu os efectos desexados. Lamentablemente, o plan reducíase a establecer rúas de sentido único e chegar a acordos con particulares para ampliar as zonas de aparcamento na zona da agra. Persoalmente concluín que este proceso tal vez debía de ser gradual e dar un voto de confianza ó goberno municipal.
Finalizada a tempada de verán, o balance é o seguinte: 30.000 euros do erario público destinados a pouco máis de media ducia de sinais de tráfico, un pequeno treito de camiño cuberto de zahorra para dar acceso a unha área de aparcamento e o rozado das fincas. Áreas de aparcamento cuxo acceso foi a través de rúas sinalizadas como de dirección prohibida agás residentes e servizos. En definitiva, un sensentido, unha tomadura de pelo para a veciñanza, un gasto absurdo nun plan integral de tráfico que nin é integral nin resolve este problema.
Laxe necesita un goberno que teña o valor de adoptar medidas que vaian máis aló de certos retoques, necesarios, pero que non profundizan a prol dunha época estival que afecte o menos posible á xente que habita no noso Concello os 365 días do ano, así como que ofrezan ó visitante un lugar de descanso que non lle faga lembrar as súas cidades de orixe.
Medidas que protexan e garantan o aparcamento da nosa veciñanza, establecendo áreas de aparcamento para residentes e non residentes, ampliación das zonas de carga e descarga, e observar de maneira estricta o cumprimento do código vial son un imperativo a favor do benestar dos e das laxenses.
A modo de moral desta historia: temos en Laxe un goberno que é mellor que non faga nada antes de tirar os cartos de todxs nós.
Fernando del Moral Regaldie é concelleiro pola coalición Unidas Podemos de Laxe.